Pinchacarneiro. Plural: pinchacarneiros. Volta que se dá no aire apoiando a cabeza ou as mans no chan e deixándose caer sobre o lombo.

 A nosa lingua está chea de termos fermosos, curiosos, divertidos. E así de claro o ten o alumnado do Centro de Educación Especial Saladino Cortizo, que estes días está a preparar un dicionario coas palabras máis singulares do galego, entre outras actividades como as composicións artísticas en cartolinas do alumnado de FPB de Perruquería que apoian esta información.

Debuxos, podcast, murais, poesías… Como non podía ser doutra maneira, os centros educativos galegos tamén se apuntan a conmemorar o Día das Letras Galegas, celebrado cada 17 de Maio dende 1963, cando así o acordou a Real Academia Galega coincidindo co centenario da publicación de Cantares Galegos de Rosalía de Castro, “a primeira obra mestra da Literatura Galega Contemporánea”. Dende entón, outras moitas figuras senlleiras da nosa cultura teñen sido homenaxeadas con motivo da gran festa das nosas letras, que este 2022 está adicada ao poeta, avogado e activista Florencio Delgado Gurriarán, exiliado a México en 1939. 

Composicións artísticas en cartolinas do alumnado de FPB de Perruquería do Saladino Cortizo. Cedida

Galicia infinda  

Con tres eixes temáticos e estilísticos arredor da súa poesía, Gurriarán firma libros como Bebedeira, O soño do guieiro ou Galicia infinda e é considerado un gran defensor tanto da lingua galega como da súa capacidade para dialogar cun sistema literario tan diferente como o mexicano. 

Unha obra que os escolares galegos poñen en valor tamén estes días durante o IV Concurso de Podcasts-Radio na biblio, organizado pola Xunta co obxectivo de estimular a elaboración de produtos radiofónicos en galego e reforzar a lectura de poesía nesta lingua, ademais do achegamento ao mundo da edición, da tradución e da cultura galega en América.