Dende fai un par de anos, temos ante nos unha nova realidade tecnolóxica que se presenta coma unha auténtica revolución social, comunicativa, empresarial e educativa. Falo, como non, do metaverso e propoño que sen máis rodeos botemos unha ollada ao que nos suxire. 

Javi García es pedagogo, maestro de EP y coordinador TIC RICARDO GROBAS

"Nun primeiro momento, pregúntome onde queda aquí o que realmente importa: vai haber algún cambio substancial no modelo a través do que aprende o alumnado?"

Na pantalla vemos que todo comeza igual que no noso mundo: temos unha cama, un despertador, un neno virtual; sae dunha vivenda dixital para camiñar por sendeiros dixitais ata chegar a un centro dixital con metalibros, con compis TIC, con profes TIC… Nun primeiro momento, pregúntome onde queda aquí o que realmente importa: vai haber algún cambio substancial no modelo a través do que aprende o alumnado? 

Se, por un lado, o metaverso afástase do mundo no que pode pisar, cheirar e escoitar o contido educativo, aprender facendo; e, polo outro, perpetúa un modelo anticuado que o relega a un mero papel pasivo, case de oínte, coma fai 50 anos; entón: para que? 

Se o metaverso vai seguir fomentando artes aprendidas e memorizadas; literaturas reducidas a gramáticas e ortografías que limitan a escritura creativa; naturezas idealizadas, afastadas do seu entorno (ameaza o cambio climático ao metaverso da mesma forma que o fai co planeta Terra?); se vai potenciar tecnoloxías adquiridas sen espírito crítico que converten aos nosos nenos e nenas en seres manipulables fronte a infoxicación; entón: para que? 

E neste “para que?” está a clave de todo porque non nego os avances da tecnoloxía, pero somos moitos os que defendemos que non pode ser o único, nin tampouco o máis importante, á hora de construír o presente e o futuro da educación. Debemos traballar para que estes avances se acheguen ás escolas dende unha perspectiva crítica, que sirvan para dotar ao alumnado dun papel realmente activo e creativo, que lles axude a reflexionar sobre o rol da propia tecnoloxía; a entender o mundo real, en lugar de afastarse del; que se empregue cun fin significativo e en relación coa vida en comunidade. 

“En Infantil hai que tocar, tocar e tocar; en Primaria, facer, facer e facer; e, en Secundaria, falar, falar e falar”

E así si, o metaverso podería servir para algunhas cousas importantes como compensar as desigualdades no acceso á educación ou axudar a comprender realidades pasadas a través de situacións inmersivas como á hora de estudar o Imperio Romano; crear itinerarios personalizados para os alumnos que non podan asistir ao colexio de forma presencial, ou dar a coñecer e acercarse a realidades que agora mesmo son inalcanzables para o ser humano. Pero sempre sen esquecer aquilo que sempre di unha gran amiga: “En Infantil hai que tocar, tocar e tocar; en Primaria, facer, facer e facer; e, en Secundaria, falar, falar e falar”. Somos os profesionais da educación os encargados de chegar a consensos sobre a forma na que as innovacións tecnolóxicas intégranse nos proxectos educativos e debemos facelo sen esquecer o fin último do noso traballo: a infancia e o seu desenvolvemento harmónico.

*Javi García é pedagogo, mestre e coordinador TIC no CEIP Torre Illa