Algo hai que facer para que o alumnado fale galego. Que o practique. Que mellore a competencia en lingua galega. Porque é moi baixa, por non dicir nula. E iso que eles pensan que si. Que poden falalo cando queiran. Mais non é certo: aínda que quixesen, non poden. Porque as linguas, se non se practican, non se aprenden. E eles non o falan nunca, ou case nunca. Por iso son tan importantes as actividades que promoven a oralidade do galego. Que a incentivan.

Por iso o ano pasado, o Equipo de Dinamización do IES Ricardo Mella creamos esta iniciativa. Entre os “21 días co galego” (que se nos facía moito tempo) e o “Desafío 48h” (que se nos facía moi pouco). Pareceunos que unha semana era o termo medio, ademais dun ciclo completo na vida cotiá. A escolla da semana do 21 ao 27 de febreiro foi por coincidir co día de Rosalía. E porque non cae en período de exames, que puidese dificultala.

E en que consiste a actividade? Pois en animar o alumnado a falar en galego na clase, na casa, e na rúa. A facer vida en lingua galega todo ao longo desa semana. Para iso, primeiro concienciamos a comunidade educativa toda (profesorado, persoal de servizos, familias…): para que tamén participen, para que animen, para que favorezan, para que acompañen e axuden. Porque a falta de contexto para o uso da lingua é un grande obstáculo. E tivemos moi boa acollida.

No noso centro, de maneira directa, participaron quince profesores e profesoras e, de maneira indirecta, todo o resto da comunidade educativa. A nivel de alumnado, participaron 150 alumnos: o dobre que o ano pasado. E como o sabemos? Porque teñen que enviar un audio diario, a través da aula virtual, no que contar a súa experiencia falando galego cada día. E, se ben hai audios anodinos, tamén os hai reveladores, alarmantes e mesmo esperanzadores.

Por exemplo: un dos alumnos di que comezou a falar en galego coa moza, coa que sempre falara en castelán, e ela tamén lle contestou en galego, coma se nada. Ao cabo dun anaco, el preguntou: non te deches conta de que estou falando en galego? Claro que me dei. E non che parece raro? E, para sorpresa del, ela contestou: non. Encántame. E, por min, podemos falalo sempre!

Mais hai outros que si sofren comentarios prexuizosos, como que o galego non serve para nada, que lles soa raro, preguntas de se o fan porque os obrigamos na escola… Eles contestan que a actividade é voluntaria, que a fan porque queren, e que o galego é tan válido como calquera outra lingua para a comunicación. E enfádanse con estas reaccións. Enfádanse moito porque, aínda que lles explicamos na clase os prexuízos contra o galego, unha cousa é que chos conten e outra é que chos digan á cara. Aí magoan máis.

Este ano tamén dinamizamos a semana con temáticas diarias e cun amplo programa de actividades: veu Fran Alonso presentar dous poemarios (Cidades e Street Poems), Fernando Ramallo ofreceunos unha reveladora charla sobre os “Neofalantes: o futuro da lingua galega” e a rapeira High Paw púxonos a bailar a ritmo de poesía e música, 100% made in Vigo e 100% en galego.

Outra das novidades deste ano é que a esta actividade se sumaron outros centros de Vigo. Que nós saibamos, tamén a fixeron no IES da Guía, no Alexandre Bóveda, no Castelao e no Fillas de María Inmaculada. E mesmo nalgunha escola de primaria da zona de Coia. Encantaríanos que en anos sucesivos se sumasen máis e fixeramos que Vigo falase en galego Unha semaniña enteira… Ou o que cadaquén considere.