“Pasada a fase inicial do impacto da pandemia, observamos entre o alumnado un incremento relevante de malestares como fatiga emocional, ansiedade, estrés, procesos de dó, depresión, autolesións e condutas de risco autolítico. Talvez os tempos demandan reinventar unha nova escola máis humanizada, que actúe na prevención do sufrimento, a superación do medo co amor e poña no eixo vertebrador do currículo o ben común, o benestar do alumnado e da comunidade educativa para reinventar unha sociedade máis saudable e sostible”. Este é o resumo dun interesante artigo titulado “Despois da pandemia, a escola do ben común. Unha mirada sociocomunitaria”, elaborado por Carmen Armas Barbazán, Manuel Armas Castro e Ramón Area Carracedo e publicado no último número (81) da Revista Galega de Educación, que nesta ocasión versa sobre “A vida nas aulas en pandemia”.

Este monográfico trata en profundidade os efectos dunha situación complexa para toda a sociedade e tamén nas aulas, como está a ser a pandemia por coronavirus. Como afectou á comunidade educativa? Que aprendizaxes nos deixa? Cómpre repensar a escola logo dunha experiencia desta magnitude? Son varios os expertos de distintas disciplinas os que reflexionan sobre estes asuntos neste monográfico. Velaquí un resumo dos temas que o lector pode atopar nel, ademais do exposto ao principio deste artigo (“Despois da pandemia, a escola do ben común. Unha mirada sociocomunitaria”):

En centros de protección á infancia

“Impacto psicolóxico da COVID-19 en nenos/as e adolescentes de centros de protección á infancia e á mocidade”, por Sandra Gómez López. “A COVID-19 tivo consecuencias particulares nos centros de protección á infancia e á mocidade. Tivemos que introducir rutinas diarias que antes non existían e que, no fondo, implicaban subliñar o concepto de institucionalización. Ademais, vímonos na necesidade de atender á xestión de todo un complexo de emocións e sentimentos ocasionados polo afastamento dos seres queridos. Así, a responsabilidade para cun mesmo/a e o compromiso como grupo tamén se converteron en eixos do día a día nunha Casa de Familia”.

De maior, quero ser esencial

Neste artigo preséntase unha experiencia de formación de mestres de educación infantil levada a cabo na Universidade de Santiago de Compostela durante o confinamento da primeira onda da COVID-19. O produto máis destacado foi un conto ilustrado elaborado por mestres en formación, unha mestra en exercicio, unha ilustradora e o formador de mestres, dentro dun proxecto destinado a familiarizar os mestres en formación coa aprendizaxe baseada en proxectos. Elaborado por Xosé Armas Castro, Tania Iglesias Solla, Irene Vidal Pérez e Maruxa Villamor Fraiz, titúlase: “De maior, quero ser esencial. Un relato infantil para tempos de pandemia”.

Efectos da pandemia, aprender en familia, Aulas Galegas, proxecto Muli Bwanji...

Outros contidos incluidos neste número 81 céntrase nos efectos da pandemia na praxe profesional docente, na bagaxe dixital da pandemia para as aulas do futuro, ou a descrición de iniciativas como “Aulas Galegas” ou o “Proxecto Muli Bwanji, unha proposta de cidadanía global en tempos de pandemia”. “Aprender en familia entre paredes e pantallas durante o confinamento”, “Aprender portugués com o hándicap da pandemia”, “Coa Música a outra parte”, “O de Cervo, un colexio con moita arte. A biblioteca como motor creativo” ou “Mudamos o currículo e o xeito de formar... e foi lindo”, son algunhas das propostas que completan este número (81) desta publicación de Nova Escola Galega.