O primeiro día de clase logo do Benidorm Fest, antes de entrar no instituto, preguntábame como afrontar as aulas do día logo da aldraxe e da resaca emocional deste festival, con todo o tema das Tanxugueiras. Decidín que o mellor era continuar coma se nada pasase, non manifestarme e seguir impartindo a materia que se nos impón dende o currículo.

No centro os ánimos estaban baixos. Moitos foron os compañeiros que me preguntaron por como estaba a vivir esa situación. A súa realidade confrontaba coa miña. Eu estaba pletórico, feliz. Sentía que as Tanxugueiras e toda Galiza gañaran o maldito concurso. Mais acababa de comprobar que os adultos o tomaran moi en serio e estaban decepcionados.

Tanxugueiras con vestiario e maquillaxe do Benidorm Fest.

A actitude do alumnado non distaba moito. Foi poñer un pé na primeira aula e comezaren a me asoballar a preguntas: “Que che pareceu? Estás triste, profe? Podemos reclamar?”. Querían expresar a súa rabia. Axiña comprendín o que pasara. Non ía dar a clase maxistral que levaba preparada e deixei que falaran. “Estaba amañado. Foi un roubo. Foron as mellores.” eran algunhas das súas proclamas. Emocionaba ver como de indignados estaban, como sentían a derrota, dolorosa por ser “humillante”, como propia, pero máis, loitar polo noso.

Non lles faltaba razón. Se eu xa estaba ledo polo que conseguiran estas tres mulleres, imaxinade como me invadiu a embriaguez ao verificar que no alumnado estaba a aflorar a semente que se plantara con Terra. As súas voces clamaban pola inxustiza vivida. Iso non fora un simple certame televisivo para elixir a candidata de RTVE para Eurovisión. Non. Fora unha batalla na que exaltamos o noso orgullo como pobo galego. Unímonos, sentimos que a nosa música é parte da nosa cultura, da nosa galeguidade.

Tanxugueiras nunha imaxe de arquivo.

Con todo, agora chegou o momento de sachar noutras leiras, valla a metáfora da imaxe que seguen a ter de nós. E a miña sorpresa chegou o mércores cando facendo uns exercicios me pediron que puxera música, mais xa non as Tanxugueiras. Pedíronme Verto, Boyanka Kostova e Baiuca. “Profe, é que antes non sabía que se facía música así en galego”.

Mais non só coa música. Son positivo e veñen novos tempos esperanzadores. A percepción que hai no alumnado cara ao galego mellorou enormemente grazas a este fenómeno. Mesmo hai pequenas, pero significativas, mudanzas no uso do idioma: “vou comezar a falar máis en galego en todos os ámbitos” díxome un alumno de Bacharelato, como adhesión a este movemento.

Non é a única anécdota. “No grupo de baile só falamos en galego”, comentoume outra alumna de segundo da ESO. “Escribín este relato en galego, profe”, explicoume unha alumna de terceiro para participar nun concurso. Poderían ser tan só casos illados, mais a realidade convida a soñar.

Chegou o momento de crear en galego, de sentir en galego e de vivir en galego. Se somos quen de regar o que temos sementado e está a nacer, revitalizaremos a lingua. Estes pequenos pasiños son fundamentais para rachar coas lousas que pesan sobre as nosas costas. A actitude é fundamental, ser exemplo normalizador e reforzar positivamente estas mudanzas, aínda máis. Despois de todo, digo eu que xa gañamos!

Alumnado, baile galego.