Eu son Lara García, e son técnica de apoio á investigación no Grupo de Ecoloxía e Biodiversidade Mariña do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) en Vigo.

E eu son Cristina Álvarez, técnica da Unidade de Tecnoloxía Mariña (UTM) do CSIC. Traballamos en ámbitos marítimos, unha área tradicionalmente con máis homes que mulleres pero dende hai un tempo somos xa bastantes mulleres. O próximo día 11 de febreiro conmemórase o día da nena e da muller na ciencia. Inténtase así dar visibilidade ao traballo das mulleres neste eido e fomentar vocacións entre as nenas ao mostrarlles referentes das diversas profesións relacionadas coa ciencia. Nós adicámonos a este campo porque é o que nos gusta. Dende sempre, e aínda que o camiño non foi doado, cando unha traballa no que lle gusta vai conseguir avanzar e cumprir o que quere. Por iso, se podemos ser referentes para outras nenas que queiran facer ciencia, investigar ou traballar en calquera campo tecnolóxico ou dixital, xenial para nós!

Lara: “Ás nenas que queiran dedicarse a carreiras de ciencias ou tecnolóxicas diríalles que loiten polos seus soños, que son posibles, que sigan o camiño para cumprir as súas metas. Sobre todo que non se poñan limitacións, que son tan capaces elas como calquera. Para min isto é moi importante, non pensar que igual non somos capaces só polo feito de ser muller. Ademais, creo que tanto nunha empresa, coma nun grupo de investigación ou en calquera outro ámbito, a diversidade enriquece. A mestura de xéneros, de cultura, de pensamentos…fai que os traballos sexan máis produtivos. Cada persoa aporta a súa personalidade, o seu esforzo e as súas capacidades ao seu traballo, independentemente de ser home ou muller”.

Cristina: “Adiante, sen medo. Se che din que non, tapamos os oídos e non escoitamos”.

Lara e Cristina terán un encontro e charlarán este venres día 11, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, co alumnado dos centros educativos que participan no proxecto de xornalismo escolar Faro da Escola.

Lara García.

Lara García: "Para embarcar importa que non te marees, non o xénero"

“Levo xa seis anos traballando como técnica no grupo de Ecoloxía e Biodiversidade Mariña do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo. O meu traballo consiste en ir ao mar nun barco oceanográfico, capturar o plancto animal cunhas redes moi tupidas e xa no laboratorio identificar todos eses animais microscópicos baixo a lupa”, expresa García.

Ela estudiou a Licenciatura de Ciencias do Mar na Universidade de Vigo e o Ciclo Superior de Produción Acuícola no Instituto Galego de Formación en Acuicultura. Curiosamente, na carreira, en Ciencias do Mar, Lara lembra que eran máis alumnas que alumnos e no ciclo superior “máis ou menos o mesmo número”.

“Agora mesmo no grupo de investigación no que traballo somos seis mulleres e seis homes. En traballos anteriores, relacionados coa mostraxe en bancos marisqueiros, había máis homes”, comenta Lara.

Asegura que ela non chegou a sentirse incomprendida. “Se algunha vez tiven un sentimento de incomprensión non foi por causas de xénero".

No mar segue habendo ese receo a que a xefa sexa unha muller

“Máis que incomprensión polo feito de ser muller, si que vemos, ao longo da nosa experiencia vital, que hai pequenos feitos que aínda teñen que mudar para acadar a igualdade. O que si é certo, é que seguimos vivindo nestes anos tan modernos, é que no ámbito do mar segue habendo ese receo a que a xefa sexa una muller. Fai uns anos experimentei que no momento de entrar nun barco, os mariñeiros dirixíanse ao home do grupo como se el fose o xefe da campaña cando nese caso tiñamos una xefa. No grupo que estou agora embarcamos bastantes mulleres e a limitación á hora de embarcar non é que sexas home ou muller se non as veces que vomitas pola borda. Os mareos a bordo non entenden de xénero”, expresa García.

Cristina Álvarez, no barco.

Cristina Álvarez: "Se estás decidida, vas atopar o camiño"

“A miña nai dicíame que o mar é un mundo de homes. E eu dicíalle que é o que me gusta. Entón díxome que adiante. Se ti es forte e estás decidida vas atopar o camiño. Hoxe seguimos tendo a veces xente ou grupos de traballo onde a muller está un pouco de lado, pero tamén atopas xente que che dá oportunidades e o apoio que necesitas”, conta Cristina Álvarez, na actualidade técnica da Unidade de Tecnoloxía Mariña (UTM) do CSIC. Ela licenciouse no seu día en Navegación Marítima. Logo cursou un Mestrado en Oceanografía.

Nos barcos tivo experiencias “de todo tipo”. Cando es a nova pois todos che queren axudar. Pero é o teu traballo. Eu dicía: “grazas, pero de entrada podo eu, se preciso axuda xa cha pido”, lembra. “Que facía no barco? Pois nas prácticas para ser oficial, desde mirar presións, cálculos de carga, de descarga, temas de navegación, rutas...”, expresa Álvarez. Navegou en distintos tipos de barco por toda España, Italia, África e Estados Unidos. Eran petroleiros, gaseiros... Ela quería seguir pero non pasou o recoñecemento médico por un tema da vista. “Entón reinventeime e acabei en investigación mariña, como técnico de medida”, engade Cristina. Nestes momentos non embarca porque hai pouco que foi nai (a súa nena ten 15 meses).

“Podería ir pero por un tema de conciliación nestes momentos non pode ser. Non descarto volver a embarcar, cando a nena sexa un pouco máis grande. Na UTM temos a parte dos barcos e a das bases antárticas. Hai campañas duns 40 días fóra pero se vas a unha base xa son dous meses ou dous meses e medio. Creo que é bastante tempo e sendo a nena tan pequena... Cando medre poderá entender mellor quedar un tempo cos avós ou con familiares”, expresa Álvarez, que indica que o seu pai tamén navegou e a nai, mariscadora.