“O debuxo é un medio espontáneo, ubicuo, democrático (aberto a todas as persoas) e inherente ao ser humano. Desde a práctica artística enténdese como un medio para rexistrar as nosas experiencias, como un continuo proceso creativo que permite relacionarnos coa contorna, reinventar as nosas identidades e explorar outras formas de vivir”. Así consta na introdución de “Debuxar o mundo: xogar, crear, compartir” (Editorial Galaxia), o último libro dos artistas e profesores universitarios Vicente Blanco e Salvador Cidrás. Esta obra ten a distinción de: Premio Marta Mata de Pedagoxía (2020).

Os autores son profesores da área de Expresión Plástica da Facultade de Formación de Profesorado de Lugo. Licenciados en Belas Artes pola Universidade de Vigo, doutores en Belas Artes (UGR) e Humanidades (USC), respectivamente, e graduados en Cerámica pola EASD Ramón Falcón de Lugo, estes profesionais das artes desenvolven a súa investigación artística en medios como o vídeo, o debuxo, a escultura e a instalación, como se describe nesta obra. Ademais, son promotores do grupo de innovación educativa ‘Escola Imaxinada’, un colectivo que pretende achegar ás escolas metodoloxías baseadas nas artes e contribuír ao deseño de espazos e recursos educativos de calidade nas aulas.

Da arte á educación

“Formulamos este libro como unha transferencia de coñecemento desde a arte á educación. O reto que se nos presenta é trasladar unha metodoloxía baseada nos procesos creativos propios das artes ao ámbito do ensino. A arte está, demasiadas veces, nunha posición afastada das realidades sociais formativas, por iso queremos unir os dous ámbitos desde a responsabilidade de transformar e mellorar a práctica educativa”, expresan os autores na introdución da obra.

O libro recolle as propostas de debuxo froito da súa investigación artística levadas a cabo con nenos e nenas de infantil e primaria en colaboración con escolas, familias e colectivos interesados en metodoloxías activas.

Agrúpanse en catro apartados:

  • volver debuxar (pensadas para que as persoas adultas que traballan coa infancia recuperen o debuxo),
  • contar debuxando (experiencias onde conviven palabras e imaxes),
  • xogar debuxando (o debuxo a través do xogo)
  • e concienciar debuxando (debuxo activista).

Todas elas comparten como características incidir na idea de proceso (descubrir formas de facer abertas que non buscan un único resultado); experimentar con diferentes materiais, técnicas e linguaxes artísticas; favorecer a creación dun imaxinario e estilo persoal apartándose de respostas estereotipadas; e educar o sentido estético.

Formas de facer abertas

Os autores tratan conceptos como: descubrir formas de facer abertas, que non procuran un único resultado. Ou experimentar con diferentes materiais, técnicas e linguaxes artísticas, ademais de favorecer a creación dun imaxinario e estilo persoal afastándose de respostas estereotipadas e convencionais e ampliar os referentes da creación artística.

Nunha sociedade competitiva que fomenta o individual, como recolle esta obra na súa introdución, aspiramos a unha escola que, a través de accións colectivas, xere espazos de convivencia. “A nosa perspectiva do debuxo parte dunha dimensión social”, indican.

"Debuxar o mundo" (Editorial Galaxia).

A partir do traballo con nenos e nenas

 “Debuxar o mundo” xorde da experiencia dos autores como artistas e profesores universitarios formadores de futuros docentes. O libro recolle as propostas de debuxo froito da súa investigación artística levadas a cabo con nenos e nenas de infantil e primaria en colaboración con escolas, familias e colectivos interesados en metodoloxías activas.