Miñoca atópase con Coello e, aínda que ao principio parecen non facer boas migas, axiña se decatan de que a amizade está moi por riba das diferenzas... Ou, se cadra, non tanto.

O cómic infantil é un dos xéneros que máis están medrando nos últimos tempos. Cada vez máis editoriais apostan por el, e tamén máis autores, como é o caso deste libro. Así o entenderon Ramón D. Veiga e Iván R., que veñen de dar o paso con Miñoca e Coello (Xerais, 2021), o primeiro número dunha serie que promete moita diversión.

En palabras do autor, a miñoca é un dos animais máis peculiares e que máis xogo podería dar para convertelo en personaxe, tanto polas súas particularidades físicas como polos beneficios que achega á terra.

Ademais, é simpática e, axudada por uns bos trazos expresivos, pode resultar moi atractiva para o público máis novo. 

Se a facemos interactuar con outros animais máis coñecidos ou próximos aos nenos e ás nenas (un coello, neste caso), o resultado é, cando menos, sorprendente.

Así o demostra Miñoca e Coello, un cómic para animar os máis pequenos a entrar no mundo da banda deseñada, cheo de diálogos brillantes, ilustracións divertidas e tres ingredientes clave que nunca fallan nas historias para a rapazada: a caca, a pizza e o sentido do humor.

En definitiva, unha historia sobre a amizade entre dous seres en aparencia tan distintos que, a pesar das súas diferenzas, acaba por triunfar. A vida mesma!

Está publicado en castelán (Lombriz y Conejo) e en catalán (Cuc i Conill) pola editorial Takatuka. Pero o libro non quedará aí. Haberá máis. Cara á primavera chegará ás librarías Miñoca e Pega (Lombriz y Urraca / Cuc i Garsa), tamén da man de Xerais e Takatuka.

"Miñoca e Coello" en tres linguas. FdV