Este ano os calendarios competenciais da Deputación de Pontevedra, elaborados pola mestra Teresa Domínguez, homenaxean ás mulleres galegas do cinema e propoñen, como cada curso, tarefas para cada día do ano, para realizar en grupo ou na casa coa familia.

"Ver fotos de familia identificando os seus membros e asociando os nomes e o tipo de parentesco; escoller no frigorífico dous lácteos e comprobar se na etiqueta aparecen letras ou números; identificar obxectos que sirvan para a hixiene persoal expresando o seu nome"... estas son, por exemplo, tres tarefas do calendario competencial para a etapa de Infantil, tres tarefas para estimular aos máis pequenos, pensadas tamén para facer en familia.

Calendarios de las tres etapas.

Tarefas e ideas

Cada ano a Deputación de Pontevedra impulsa estes calendarios, específicos para cada etapa educativa, con tarefas ou ideas de actividades para facer cada día do ano. Elabóraos a mestra Teresa Domínguez, exdirectora do Centro Rural Agrupado (CRA) de Tui, con moitos premios pola súa traxectoria no mundo da docencia.

Os centros escolares solicitaron máis de 8.000 exemplares dos almanaques. Serven para "transmitir aprendizaxes para a vida, aprendizaxes de vida e aprendizaxes con vida".

Ademais, a Deputación de Pontevedra fomenta que cada ano se destaquen persoas importantes de distintos sectores para que o alumnado poida aprender sobre figuras relevantes. Neste caso quixeron destacar: 'As mulleres do cinema', elas son as protagonistas dos calendarios competenciais para 2022.

Pensamento crítico

"Estes calendarios son instrumentos que axudan ás nenas e nenos a converterse en persoas con pensamento crítico ao perseguir que aprendamos en todas as contornas nas que nos desenvolvemos, con todas as experiencias que vivimos, e que o fagamos como colectividade, en familia, ao lado das mestres e mestras e das amizades", explicou Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, na presentación dos almanaques.

Compromiso coa igualdade

A presidenta incidiu no compromiso coa igualdade: "se hai dous anos estiveron dedicados ás mestras e o ano pasado ás sanitarias, este ano será a quenda das mulleres do cinema, grandes mulleres da provincia e particularmente de Vigo que están conquerindo grandes éxitos e están nomeadas aos grandes premios pero cuxos nomes, rostros e todo o traballo que están a facer son descoñecidos pola sociedade".

Mulleres do cinema

Os calendarios homenaxean ás mulleres do audiovisual cunha ilustración na súa parte traseira na que pode verse a mulleres facendo tarefas propias deste sector e cada un dos meses está dedicado a unha directora, produtora, actriz... En concreto as elexidas son

  • Noemí Chantada (Vigo),
  • Beli Martínez (A Guarda),
  • Paula Cons (Vilagarcía),
  • Belén Sousa (Tui),
  • Xisela Franco (Vigo),
  • Mariana Carballal (Ourense – Vigo),
  • Pilar Comesaña (Montevideo, Vigo e actualmente Santiago),
  • Anxos Fazáns (Pontevedra),
  • Sonia Méndez (Vigo),
  • Eire García (Nigrán),
  • María Ruiz-Falcó (Lugo/Bueu)
  • e Sara García (Valencia/Tui).

Neles tamén se inclúen propostas audiovisuais e literarias para todos os públicos e diferenciadas segundo a franxa de idade á que está dedicada cada un.

Nun futuro...

Para o alcalde de Vigo, Abel Caballero, os calendarios competenciais son unha “aposta pola igualdade, pola actividade cultural e profesional”. “O que estades estudiando agora vaivos acompañar toda a vosa vida”, deixou claro Abel Caballero na súa intervención na presentación dos almanaques, que tamén comentou ao alumnado que, aínda que agora o vexan lonxe, nalgún momento: “ídesvos a encargar de levar adiante esta cidade, Galicia… ides a ser dirixentes, profesionais, líderes e ides a lembrarvos destes anos toda a vida”.

Necesidades das familias

A creadora dos almanaques, Teresa Domínguez, agradeceu á Deputación o seu apoio a esta iniciativa que naceu “para dar resposta ás necesidades que tiñan as familias de infantil e ao que posteriormente se foron engadindo propostas para primaria e secundaria”. Dirixiuse ao alumnado para explicarlles que “a finalidade última deste calendario é transmitir aprendizaxes para a vida, aprendizaxes de vida e aprendizaxes con vida” ademais, os almanaques pretenden lograr que o alumnado de hoxe “poidades ser persoas responsables, con pensamento crítico e capacidade para discernir”. A que podemos considerar nai dos calendarios quixo deixarlles claro tamén que “tendes o dereito de que as persoas do eido da educación busquen estratexias divertidas e interesantes para que poidades desenvolvervos máis e mellor” e lembrou que os contidos dos calendarios integran tamén os ODS de xeito transversal.

Ver cine en familia ou reciclar

Secundaria

  • Enviarlle sementes a unha ONG que traballe con países ou colectivos desfavorecidos
  • Recompilar poesías e cancións que falen da auga
  • Crear un decálogo que recolla aspectos para a vida equilibrada dun ecosistema
  • Calcular e analizar o uso de carburante de toda a clase para ir ao colexio e extraer as consecuencias
  • Elaborar un mural ou cuña publicitaria sobre o quentamento global e indagar sobre tendas que vendan produtos con residuos cero

Primaria

  • Conversar e argumentar sobre os momentos máis felices e máis complicados do mes anterior
  • Facer un club de lectura familiar ou ver cine en familia
  • Crear unha historia audiovisual sobre o verán
  • Realizar movementos en familia a partir de estímulos rítmicos ou musicais
  • Cear sen televisión e conversar sobre anécdotas da infancia de cada membro da familia

Infantil

  • Recoller cunchas na praia, contalas e dicir as súas cores en inglés
  • Memorizar o teléfono da Policía Municipal, da Garda Civil, do centro de saúde ou separar o lixo: papel, materia orgánica, plásticos e briks, por poñer algún exemplo