Ler en grupo, compartir vivencias e experiencias sobre un mesmo libro, crear proxectos arredor do mesmo, recibir a autores no colexio… Todas estas actividades forman parte do día a día dos centros educativos que contan con clubs de lectura. En Secundaria hai tempo que contan con este tipo de actividades grupais, impulsadas mediante o Plan LÍA de bibliotecas escolares da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e máis concretamente no programa “Hora de ler”, coa finalidade de incentivar a lectura entre os distintos sectores da comunidade educativa.

Un paso máis

Nesta ocasión os clubs de lectura en Galicia avanzan un paso máis e dan o salto a Primaria. “O obxectivo da ampliación desta iniciativa á etapa de Primaria é estender os beneficios destes grupos aos máis novos, logo dos éxitos acadados nos clubs de lectura no ensino secundario, e reforzar, deste xeito, o papel desta ferramenta na creación e consolidación de hábitos lectores, así como no desenvolvemento das competencias básicas do alumnado (comunicación lingüística, competencia social, cultural, artística)", expresan fontes de Educación.

Son en total 346 os centros que participan nesta iniciativa (o ano pasado eran 213), dos que 87 estréanse en Primaria (o resto son de ESO, Bacharelato, FP ou ensinanzas de réxime especial).

Por provincias:

  • 132 son centros de A Coruña,
  • 122 de Pontevedra,
  • 48 de Lugo
  • e 44 de Ourense.

En Vigo constan (Primaria):

  1. CEIP (Centro de Educación Infantil e Primaria) Virxe do Rocío,
  2. CEIP Plurilingüe Santa Mariña,
  3. CEIP Josefa Alonso de Alonso,
  4. CEP Plurilingüe Igrexa-Valadares,
  5. CEIP Plurilingüe O Pombal
  6. e o CEIP Seis do Nadal.

(Consultar lista completa AQUÍ).

 "Non só len, tamén escriben blogs e usan redes sociais"

Foi no ano 2007 cando a Consellería de Educación publicaba a primeira convocatoria para animar aos institutos a crear clubs de lectura e fomentar o hábito lector nos adolescentes. Naquel momento apuntáronse 104 centros educativos galegos, centrándose nos primeiros anos a convocatoria na etapa de Secundaria.

O curso pasado eran, por exemplo, 213 (con preto de 10.000 lectoras e lectores involucrados directamente). Aproximadamente un de cada catro inclúe tamén a participación de adultos, normalmente familiares do alumnado, a maiores do ou da coordinadora do club de lectura, que soe ser un docente do centro educativo.

Espazos de convivencia

Os clubs de lectura funcionan como grupos de dinamización a prol da lectura pero tamén como espazos de convivencia e de educación cidadá. “A través deste programa promóvese, ademais, a incorporación á lectura dixital co uso dos novos dispositivos de lectura, e levan tempo integrando as tecnoloxías da comunicación e da información de forma natural nas súas actividades (blogues, vídeos, booktrailers, redes sociais, presentacións, etc…”, engaden as mesmas fontes.

Educación tamén pon a disposición dos centros dúas ferramentas web para a difusión dos blogs dos clubs de lectura que se vaian creando e para o intercambio de lotes de libros entre os diferentes clubs: as iniciativas Ler en Man Común e Libros a Eito.

Entre 700 e 1.800 euros

Cada centro educativo que crea (ou xa ten pero renova) clubs de lectura ten que presentar un proxecto para que se lle conceda (cada un deles recibe unha contía de entre 700 e 1.800 euros, en función do tipo de centro e da proposta presentada; e normalmente destínase á adquisición de libros para as actividades do club, que pasan despois aos fondos da biblioteca escolar).

Poñer en marcha un club de lectura nun centro educativo consiste, basicamente, en promover a participación dun grupo de alumnado para compartir as súas experiencias lectoras, coa mediación dun adulto que conduza todo o proceso. O espazo natural para o club de lectura é a biblioteca escolar, e os tempos axeitados para a súa celebración dependen das posibilidades de cada grupo (tempos de lecer ou non lectivos), resultando imprescindible a implicación persoal do profesorado dadas as especiais características desta actividade. O número de integrantes non debe ser excesivo.

Novas tecnoloxías

A utilización das tecnoloxías de información e comunicación así como algunhas das posibilidades de Internet poden enriquecer a actividade destes clubs, contribuír á lectura en diversos soportes, introducir as narrativas transmedia, e facilitar a difusión das súas propostas entre a comunidade educativa. A participación de adultos da comunidade educativa en grupos de lectura específico ou mixto (alumnado e adultos), poden enriquecer a experiencia e propiciar ambientes lectores interxeracionais.

Alumnado do CEIP Virxe do Rocío nunha actividade.

Título de Biblioteca Solidaria para o CEIP Seis do Nadal en 2015. ADRIAN IRAGO