BellónMaceiras, dúo formado polos músicos Daniel Bellón e Diego Maceiras, presenta o seu primeiro conto musicado dirixido ao público infantil e familiar, unha bonita historia dun neno que vai descobrindo pezas tradicionais, cun audioconto e 24 cancións arranxadas por estes músicos galegos.

A partir do texto de Pepablo Patinho, BellónMaceiras constrúe a banda sonora de “A Música das buguinas” cunha selección de temas populares e composicións propias. O conto está ilustrado por Leandro Lamas e narrado por Gloria Mosquera de Mamá Cabra. “A idea parte duns concertos didácticos que facemos. A partir desa experiencia cos pequenos e pequenas pensamos que sería unha boa idea achegar á rapazada pezas tradicionais a través dun libro. Para iso precisabamos unha historia, que creou Pepablo Patinho”, explica Dani Bellón.

O mundo de Roque, o neno que escoitaba os sons do mundo a través da súa buguina, non só pretende achegar a música tradicional galega ao público infantil, tamén é unha maneira de que os maiores se aproximen ao estilo tradicional.

O libro inclúe unha coidada selección de pezas entre os xéneros máis coñecidos e queridos da nosa tradición: muiñeiras, alboradas, pasodobres, pasacorredoiras ou regueifas. Está dispoñible na páxina web www.bellonmaceiras.com e na Escola de Música BellónMaceiras en Fene.

Bellón (gaita e saxo) e Maceiras (acordeón) dan clase na súa propia escola de música (Fene) e imparten concertos didácticos nos que o público máis novo pode interactuar e coñecer a estes músicos, así como achegarse ao universo da música galega tradicional.

Libro con audioconto e 24 pezas musicais arranxadas por Bellón e Maceiras. FdV