“Que son as Illas Cíes para nós? Son máxicas: ilusión, liberdade, asombrosas, camaleónicas, espectaculares, salvaxes...”. Con este emotivo vídeo o alumnado do Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Illas Cíes gañou un dos premios do VII Concurso “Cíes, o paraíso de todos”, un proxecto impulsado polo Concello de Vigo, FCC Medio Ambiente e FARO no que cada ano escolares dos distintos colexios envían debuxos e vídeos grupais sobre o arquipélago. “Ilusión por ir visitalas, camaleónicas pola diversidade da súa fauna e flora, asombrosas pola beleza e encanto, espectaculares pola forza que nos transmiten ou salvaxes polo contraste das augas calmas e salvaxes”, conta no seu traballo audiovisual o CEIP Illas Cíes.

Ante o reto de imaxinar as Illas Cíes, o alumnado do CEIP García Barbón, outro dos colexios gañadores desta edición do concurso “Cíes, o paraíso de todos”, explica no proxecto audiovisual presentado que pensaron nun lugar “cheo de fantasía: con sereas, piratas, monstros e galeóns afundidos”. Como se documentaron para realizar o seu vídeo sobre as illas? “Nun cadro de Urbano Lugrís sobre o arquipélago. Tamén na obra de Julio Verne”, argumenta o alumnado deste colexio, mentres mostra no vídeo como, cada un deles, nenos e nenas, plasman en debuxos a súa particular interpretación das illas.

No Colexio Santiago Apóstol, por exemplo, emprenden unha viaxe moi especial, cunhas maletas que gardan importantes mensaxes. “Imos viaxar a un lugar que é un espazo único, un paraíso natural, patrimonio da humanidade, parque nacional, un entorno protexido por todos... onde os faros iluminan o camiño”, expresa o alumnado deste colexio, que tamén levou un galardón da Edición Especial.

Os demais vídeos premiados: Colexio Quiñones de León, Las Acacias e Colexio Divino Salvador. Os traballos audiovisuais poden verse AQUÍ.

Video do CEIP Illas Cíes FdV

Las Acacias

Vídeo do Santiago Apóstol FdV

Vídeo Santiago Apóstol (edición especial)

Vídeo do Colexio Divino Salvador

García Barbón. FdV