Son moitos os centros educativos que levan a cabo varios proxectos de innovación durante o curso. A necesidade de avanzar na formación do profesorado, tendo en conta as necesidades educativas do actual alumnado e atendendo tamén ao avance vertixinoso das tecnoloxías e da dixitalización, leva ás comunidades a actualizar as estratexias en formación, como coincidiron en destacar as autonomías convidadas ao X Aniversario do CAFI: Castela e León, Andalucía, Madrid ou Aragón.

O director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, José Luis Mira, avanzou neste congreso celebrado en Compostela, con máis de 200 docentes asistentes, que Galicia proporá a organización de polos creativos nos centros educativos, de maneira que cada colexio e instituto teña un polo creativo de aprendizaxe no que se dea conta da formación e dos proxectos de cada centro, unha especie de foco que acolla as novidades dos mesmos.

Acreditación de competencias dixitais

Esa foi unha das ideas lanzadas por Mira no congreso de celebración dos dez anos do CAFI. Tamén falou Mira Lema da próxima acreditación de competencias dixitais dos docentes, nunha especie de avaliación dos coñecementos adquiridos. O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, que presidiu o acto de celebración do décimo aniversario da rede de formación do profesorado de Galicia, destacou o papel da mesma “para converter o modelo educativo galego nun referente en España”.

“Entre os fitos desta década constan a creación do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), os plans de formación de profesorado en centros ou a Aula Nova experimental, para introducir no ensino as metodoloxías máis avanzadas”, expresou.

Plans

Como obxectivos marcou: “reforzar iniciativas que favorezan a calidade e a equidade, a inclusión educativa e a atención á diversidade, a convivencia e o benestar persoal”. Lema destacou a excesiva burocracia á que se enfrontan os docentes, un feito que indicou que debe ser revisado.

O plan de formación do profesorado para este curso supera as cifras do anterior “e prevé superar máis de 6.000 accións formativas, máis de 110.000 horas de formación, 50.000 certificacións e máis de 40.000 docentes acreditados”, apuntou o conselleiro de Educación. Rodríguez destacou a “resposta excepcional da rede ante a crise sanitaria, cun inxente esforzo por formar a boa parte dos 30.000 docentes en ferramentas dixitais, clave para o escenario educativo do momento”.

“Estou convencido de que a próxima década será, ao igual que esta, un camiño de éxitos compartidos no que a rede de formación seguirá exercendo como un dos motores do noso sistema educativo e un dos principais piares do mesmo”, afirmou. A xornada “Unha década de formación permanente do profesorado 2011-2021” abordou as redes e ecosistemas de ensino e aprendizaxe ou as boas prácticas de centros educativos ao respecto.

O gurú británico Richard Gerver no X aniversario do CAFI.

Gerver: "O alumnado non quere facer o mesmo cada día porque se aburre"

Richard Gerver foi quen de recuperar un centro educativo de Londres que as autoridades ían pechar. “Non había ilusión, todo parecía estar acabado”, apuntou Gerver na charla do congreso celebrado en Santiago. Precisamente hai dous anos, en 2019 (antes da pandemia), este gurú educativo e gran comunicador tralo caso de éxito en Gran Bretaña, impartía a charla inaugural do Foro de Educación de FARO. Gerver indicou que a situación actual, de incertidume, de cambios, require preparar ao alumnado para ese escenario. Apuntou que a rapazada non quere facer o mesmo cada día porque se aburre. E os docentes “deben atender estas necesidades”. Tamén falou dos beneficios de facer preguntas estúpidas para entender o mundo e crear e expresou que é optimista: “despois dunha época de caos vén un renacemento”.

"Despois dunha época de caos vén un renacemento"