Baixo o nome de Ciencia Cidadá atópanse proxectos de investigación ou actividades científicas que precisan da participación da sociedade para o seu desenvolvemento. As persoas que desexen formar parte destas iniciativas poden facelo de diferentes maneiras, en función das súas propias capacidades e das particularidades do proxecto. 

Por mar

Un exemplo é “Observadores del mar” proxecto de ciencia cidadá coordinado polo CSIC, que ten por obxectivo analizar o estado dos hábitats mariños e das especies que os habitan especialmente das que se atopan en espazos protexidos como áreas da Rede Natura, pero tamén das especies invasoras. Calquera persoa que realice actividades na costa pode participar. O proxecto conta na actualidade cunha rede de máis de 3.500 persoas entre mergulladores afeccionados, pescadores, xente que practica náutica, turistas, docentes, bañistas, etc... que colaboran enviando imaxes das especies que se atopan.

"Colaboran enviando imaxes que atopan"

Os datos recollidos son validados polo equipo científico do proxecto e pasan a formar parte da base de datos. As persoas participantes poden atopar as súas contribucións no mapa do proxecto. No caso de Galicia por exemplo hai observacións de cabaliños de mar nas Illas Cíes, de aves como o mascato común na zona da Costa da Morte, e rexistros de recollida de plásticos na Mariña Lucense. 

Por aire

Pero a participación non sempre consiste en enviar datos. No proxecto “Vigilantes del Aire” da Fundación Ibercivis, analizan a calidade do aire das cidades e vilas mediante o cultivo de plantas de fresa da especie Fragaria vesca L. que teñen a peculiaridade de acumular contaminación metálica nas súas follas.

Deste xeito, en vez de sensores automáticos, entregáronse plantas de fresa que os participantes tiñan que colocar no exterior das casas, en fiestras, balcóns ou terrazas, durante mais de 2 meses. Pasado ese tempo, xa solo quedaba arrincar tres follas da planta e envialas ao Instituto Pirenáico de Ecología CSIC para a súa análise.

Neste proxecto participou como Embaixador Rexional de Vigilantes del Aire o IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez que repartiu entre as súas alumnas e alumnos cen plantas de fresa. A través da web do proxecto pódese atopar o mapa cos resultado preliminares das plantas colocadas en 2020 e descargar o informe científico técnico Vigilantes del Aire 2020/2021.

Dentes?

Hai tamén proxectos singulares como é o caso da “Campaña de Recollida de dentes do Rato Pérez”, iniciativa do grupo Antropoloxía Dental do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH) e que conta, desde o ano 2019, co apoio da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia.

O obxectivo do proxecto é recoller dentes de leite doados polas familias para ampliar a colección de pezas do CENIEH que nestes momentos está formada por máis de 3.000. A colección está a disposición de persoal científico de calquera parte do mundo e permitirá ampliar o coñecemento en diferentes campos da ciencia como a arqueoloxía, a antropoloxía forense, a medicina oral e dental ou a paleoantropoloxía.

Campaña recollida de dentes.

O Rato Pérez está ao tanto desta iniciativa e anima ás familias a que participen o ano que ven, e se acheguen ao Culturgal a entregar os seus dentes de leite ao CSIC.

En definitiva, as accións de ciencia cidadá permiten á cidadanía adquirir coñecementos e habilidades pero tamén ter unha comprensión máis próxima e real do traballo científico. A comunidade investigadora pola súa banda, benefíciase de centos de colaboradores voluntarios dispostos a participar, a facer preguntas, a axudar no alcance dos obxectivos. Interaccións entre ciencia e sociedade que favorecen a ciencia aberta.

Luisa Martínez.

*Luisa Martínez dirixe a Unidade de Cultura Científica. CSIC-Galicia