A praia de Sardiñeiro (Fisterra) ten a area moi branca e a auga moi fría. Neste planeta Sardiñeiro os nenos xogan a facerlle a guerra ao mar, mentres un señor, duns corenta anos aproximadamente, percorre a praia na procura de tesouros. 

Aquel home era Barreras, que faleceu hai uns anos. El é a figura da que parte Olaia Sendón para crear “A crebeira Marabillas”. “Unha crebeira apaña as cousas que o mar trae á praia. Ás veces o mar tamén trae tesouros, por iso ser crebeira é tan fabuloso”, así consta no resumo deste libro para nenos, o primeiro de Olaia Sendón, fascinada polo mundo do mar e as crebas, como pode comprobarse na súa obra previa de documentais e videocreación.

Barreras existe na memoria de Sendón e da mocidade que viviu aquela época. El erguíase cedo, puña a roupa de faena, a de ir cachear a praia (polas mañás traballaba no banco, e esa roupa era moi distinta). “Pero el considerábase crebeiro e mostraba un enorme orgullo por esa faceta. Dicía que, noutros tempos, ser crebeiro/a era unha fonte de ingresos nas casas xa que ás veces atopábanse obxectos ou materiais de valor que o mar traía ata a praia e había todo un código dos crebeiros”, comenta Sendón, que puido falar con Barreras en vida, información e vivencias que empregou para crear a “Marabillas”, unha crebeira, neste caso, unha muller.

Barreras, e tamén a crebeira Marabillas, levan botas de distintas cores. No libro atópase a explicación, un imaxinario que Sendón pretende trasladar aos cativos/as que non tiveron a oportunidade de coñecer a un personaxe coma Barreras, pero que a través deste libro poderán coñecer. Tamén hai mensaxes en botellas e historias de ida e volta, con crebeiras doutras costas e tamén coñecedoras do mar e das praias. “Barreras tamén atopara unha botella cunha mensaxe en inglés, e como non sabía o que dicía esperaba a que viñera unha persoa da súa familia e llo traducira. En canto á costa de Irlanda, nese país tamén hai tradición desta figura, os chamados/as ‘beachcombers’”, comenta Sendón. Todos estes ingredientes dan lugar a unha bonita historia neste libro.

“Eu quería que este universo, que me parece tan poderoso e que a min me marcou tanto no seu momento, levalo a todo aquel que queira escoitalo. E sobre todo para os nenos. Amin pásame cos meus fillos, cando os levo a buscar crebas pásano pipa, failles crecer moito, a fantasía. A min paréceme que é o mellor ao que podes aspirar”, apunta Sendón. 

Sendón ten previsto presentar “ A Crebeira Marabillas” na praia de Sardiñeiro para os nenos do CEIP Areouta, nun espectáculo conxunto coa música Silvia Penide (sempre se as condicións sanitarias pola pandemia o permiten). “Faime moita ilusión levalo ao pobo, ao espazo de onde sae a historia. Por unha parte está Sardiñeiro, coa praia; por outro lado están os nenos da escola, con todo o tema do rural, que se resinte demográficamente. E logo está o tema do espectáculo con Silvia, que é como unha posta en escena do libro pero complementado con outras cousas; facemos algo de percusión coas crebas, a musicalidade de Silvia, e eu levo a parte narrativa, a historia das crebas; e os nenos participan moito. Máis alá do conto, acceder a un universo que tentamos crear”, conta Sendón.