O 'influencer' educativo británico Russel Stannard impartiu formación a participantes no proxecto Erasmus Plus Sblendid, que lidera Galicia e comparte con outras comunidades como Navarra, Madrid, Andalucía ou Aragón.

Galicia lidera este proxecto sobre docencia semipresencial nas escolas de idiomas (EOI). “Son dous os principais obxectivos: dunha banda, formar ao profesorado de EOI en formación semipresencial mediante cursos de formación e estadías de observación. Doutra banda, crear recursos para o profesorado que imparte ou impartirá cursos semipresenciais: guía de acompañamento do alumnado, titoriais e videotitoriais, vídeo de promoción dos cursos semipresenciais, batería de ferramentas útiles para a creación de materiais por parte do profesorado ou para o emprego do alumnado...”. Así se expresa un dos profesores participantes no proxecto Erasmus Plus Sblendid, Luís A. Xuncal Pereira. Son docentes cun amplo percorrido nas EOI e participantes activos neste proxecto, como comentan desde o CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación).

  • Creación de recursos. É un proxecto no que participan 10 EOI galegas e o CAFI_“na exploración do ensino semipresencial”. Nestes momentos están no ecuador do proxecto, tendo en conta que durará ata agosto de 2022. Realizáronse mobilidades virtuais impartidas por entidades estranxeiras de prestixio, como o gurú educativo Russell Stannard, con miles de seguidores nas redes sociais, ou Carolina Castro (Europass Teacher Academy). Ademais, tamén se organizaron seis webinarios de formación que serviron de inspiración para outras comunidades, como Andalucía ou Aragón, que levaron a cabo actividades de formación similares a estas, nes proxecto que lidera Galicia.
  • Creación de recursos. “O meu papel, xunto con José A. Cartelle Cudillero, foi crear a batería de recursos facendo unha escolla das ferramentas útiles para a creación de materiais”, expresa Luís A. Xuncal. Para realizar a escolla tivemos en conta a facilidade, a gratuidade, a potencia e a manexabilidade.
  • Compartir co resto de comunidades autónomas. Este proxecto exclusivo sobre docencia mixta nas escolas de idiomas sitúa a Galicia como referente neste campo. “Lideramos un proceso de creación de catro cursos de formación de profesorado sobre ensino semipresencial que se están impartindo agora mesmo tanto aquí como en Navarra e Madrid. Ademais, tamén se compartiron altruistamente con todas as demais comunidades autónomas en miras a que poidan incorporalos aos seus respectivos plans de formación no futuro. Seguimos a filosofía do propio proxecto, ir aprendendo e compartindo cos demais o feito e aprendido. E calquera persoa pode seguir o que se está a compartir nas redes co cancelo #itinerarioSEMI”, expresa Diana Pastoriza dende CAFI Galicia.
  • Xuntanza en Santiago. Hai uns días celebraron unha xuntanza en Santiago moitos dos participantes neste proxecto para resumir todo o realizado ata o momento. 
  • u Cómodo para o alumno. “Eu teño moita experiencia en ensinanza mixta, xa que levo anos dando clase co programa That,s English! na Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Ourense”, expresa Ana María Ramos Moro, outra das profesoras que participan no proxecto, xunto con Laura Torrado (docente e directora da EOI de Vigo). Ramos realizou un curso: “Technologies and approaches to blended, hybrid and online teaching”. “Aprendimos a distinguir entre as modalidades en liña, mixta e semipresencial e como traballar coas diferentes partes: a plataforma e a sesión presencial e como as integrar. Como deseñar a plataforma con consistencia para que o alumnado aprenda a manexala e non se perda navegando e como conseguir que sexa reflectida na clase presencial para que o alumnado a encontre esencial e participe nela”. Debido á pandemia o curso realizouse dende a casa, non houbo estadía en Norwich, como era o plan inicial.
  • Feedback e avaliación. “Para min a estrela do curso foi a elaboración de portafolios dixitais, nos que recollimos todo o aprendido. Son unha ferramenta de avaliación continua estupenda xa que se basean no progreso diario. Poden ser compartidos cos compañeiros e estes tamén poden dar feedback e avaliación entre iguais. A ferramenta que usamos para a elaboración destes portafolios foi Google sites. Son moi útiles tamén para o profesorado xa que tes todo moi ben organizado e son doados de usar e modificar”.

Docentes que participaron nas xornadas sobre o proxecto Sblendid, celebradas en Compostela.