De Isabel Zendal (1777) a María Teresa Miras Portugal (1948), este libro recolle as biografías de vinte galegas que abriron as portas da ciencia vencendo obstáculos e, en ocasións, burlas e desprezos, e deron paso a milleiros de mulleres.

Escrito por Isabel Blanco, con ilustracións de María Lapido, Belagua publica esta obra coas historias de mulleres destacadas no eido científico ao longo da historia, moitas delas descoñecidas para moita xente.

“Corría o ano 1771 e, mentres en Edimburgo nacía o escritor Walter Scott, na parroquia de Santa Mariña de Parada (Ordes) chegaba ao mundo Isabel Zendal Gómez nunha familia de campesiños moi pobre. En 1786 comeza unha terrible epidemia da varíola que asolagou o país durante décadas. A súa nai perde a vida nela, o que, unido á penuria económica da súa familia, obriga a Isabel, con só 13 anos, a marchar da casa na procura de traballo...”. Así empeza a historia de Isabel Zendal, a primeira enfermeira nunha expedición sanitaria internacional. Con esta muller excepcional comeza esta obra.

E remata con María Teresa Miras Portugal, neuroquímica, primeira muller que preside unha Real Academia en España (O Carballiño, 1948-Madrid, 2021). “Entre 2007 e 2013 presidiu a Real Academia Nacional de Farmacia. En 2012 o Consello de Ministros nomeouna presidenta do Comité de Expertos para o estudo de reformas nas universidades españolas. as súas extraordinarias traxectoria e achegas científicas foron recoñecidas con numerosos premios en toda España”, cóntase neste capítulo. Entre Zendal e Miras Portugal, todo un percorrido por mulleres extraordinarias.

Isabel Blanco, autora de "Galegas na ciencia", de Belagua Ediciones.

Portada e exemplos de páxinas do libro.