“Saír sen danos dunha liorta co capitán Cancro non é tarefa doada. Cando menos levarás de recordo algunha cicatriz revirada e, de seguro, unha historia que contar. Como a que a avoa de Nico e Bruno lles relata aos seus netos, onde lembra a batalla que os pais dos nenos tiveron que librar contra tan temido personaxe”. É un pequeno resumo do libro que vén de publicar Irene Alonso Gasalla (Pontevedra, 1980). “As cicatrices do caranguexo” (Xerais), así se titula a primeira obra desta profesora de inglés no IES (Instituto de Educación Secundaria) de Soutomaior. Unha bonita historia para tratar cos máis pequenos un tema duro, como é o cancro. Para normalizar e intentar que entendan de xeito natural unha enfermidade coa que en moitas ocasións hai que convivir nos fogares, nas familias. Por iso é tan importante normalizar e desdramatizar, para aliviar un pouco o sufrimento que pode conlevar unha situación así.

Como naceu a idea deste libro?

Este conto xorde a partir dun cancro de mama. Tiven moitos meses para pensar como transmitirlles aos meus fillos o que ía acontecer na casa, os cambios en mamá. E xa que o cancro pasara polas nosas vidas uns anos antes con papá, decidín buscar unha forma de explicarlles unha enfermidade que ten un nome que non é doado de explicar. Pero o termo cancro ven da palabra “cangrexo”, e así, pouco a pouco, da historia dun caranguexo coma os dos que atopabamos na “ nosa” praia de Raxó foi xurdindo unha aventura pirata.

É importante tratar o tema da dor, do sufrimento, cos pequenos/as?

Moitísimo, sempre e dende que son pequenos. Canto máis se normalicen situacións de dor ou sufrimento, menos medo terán se lles toca pasar por algo similar ou verano como algo que forma parte da vida. Podo dicir que unha das partes “menos importantes” pero máis duras dos tratamentos de quimioterapia é a perda do cabelo. A min rapoume a cabeza o meu fillo de 5 anos e penso que nesa experiencia perdeu moito do medo que puidera ter sobre o que me ía acontecer. Eu saqueille todo o humor que puiden mentres pasaba por “punki” e “Chucki” entre bágoas e risas.

Como facelo?

Como dicía, coa maior naturalidade posible, sen tapar cousas, cunhas pinceladas de humor se cabe, e con moito cariño.

Como atopou a maneira de expresalo nesta obra?

Quixen dar una visión positiva sempre, con momentos de sufrimento, pero con superación. Para min foi de moita axuda empregar metáforas, que un neno non ve directamente, pero un adulto vai comprender perfectamente. Por exemplo, a illa con palmeiras de pílulas é o hospital, que cheira a frío, e a balea branca é o doutor, ou oncólogo rescatador. Máis obviamente nomeadas están a Radiotesaura e o Quimioteronte. Tamén cun ton de humor, como hai que levar as cousas...

Que personaxe cre que é o máis duro?

 O capitán Cancro, obviamente, é moi malo, ainda que lle quitei forza porque esta medio chosco, é un forte adversario, misterioso e silencioso... que é como é esta enfermidade, que chega sen avisar e moitas veces non se sabe o motivo.

Que facer cando unha persoa maior da casa está enferma?

Penso que é moi importante involucrar aos da casa. Os nenos cativos van aprender moitísimos valores e de seguro van ser mellores persoas se saben coidar dos que máis axuda precisan.

E cando é un pequeno/a o que ten o problema de saúde?

Canto máis pequeno é o que sofre, mais doe aos que están ao carón. A verdade é que no meu caso, ver a calquera dos meus nenos enfermo é do peor que me pode pasar. Pero sempre tentamos levar unha vida o máis normal que poidamos, e por coñecemento de causa podo dicir que diante do pequeno é mellor non amosar preocupación

O seu libro vén cubrir un oco nesta materia nos libros para nenos/as?

Pois a verdade é que non fun quen de atopar nada en galego e moi pouco en castelán para os meus fillos cando souben que tiña cancro. Non hai moitos contos para nenos/as que traten temas como son enfermidades crónicas, cancro, ou mesmo diabetes entre tantas outras, e penso que é algo que se debería traballar tamén nas escolas dende cativos. Penso que sería unha forma de facer que os rapaces viran situacións ou persoas que para eles, se saen do cotián, como algo normal, que forma parte da nosa vida.

Que foi o que máis lle custou á hora de escribilo?

Parecerá contraditorio, pero aínda que superamos a enfermidade, o máis difícil foi o final. Asumir que esta enfermidade pode chegar a ser algo crónico xa que somos conscientes da importancia de non “baixar a garda”, de aí que remate facendo mención aos anteollos para mirar o mar e comprobar que non haxa barcos coa bandeira do capitán Cancro.

E o máis agradecido ou agradable?

Poder narrar unha historia case autobiográfica, e chamar aos meus fillos, nai e meu home polos seus nomes. Tamén poder desmitificar o medo que levan implícitas certas palabras como cancro e quimio e a dor de moitas vivencias tranformando os termos en animais fantásticos, entre outros. En resumo, escribir pensando que este conto poida chegar a axudar a moita xente que sabe do que falo ou sirva para, como xa mencionei, abordar calquera enfermidade con normalidade, menos medo e sobre todo máis optimismo.

Algunha anécdota que queira contar, a maiores.

Semella que xa ocupei espazo dabondo! Simplemente mandar unha mensaxe de ánimo, tendo en conta que dentro de moi pouco (o 21 de outubro) se celebra o día do cancro de mama a todas as persoas, sobre todo mulleres neste día, que teñan cancro ou lles toque de preto. Anímoas a todas a afrontar a enfermidade con forza e positivismo. Mesmo dos momentos máis duros penso que podemos sacar cousas boas.

"As cicatrices do caranguexo" (Xerais)