No pasado curso (2020-2021) participamos en varios proxectos europeos. Un deles foi o da Curuxa, que viaxou a varios países de Europa. Alumnos/as de centros educativos de distintos países enviáronnos fotos coa nosa mascota, a Curuxa, que no mes de xullo volveu ao noso colexio: o Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Balaídos. Estes proxectos realizámolos na materia de lingua estranxeira (inglés) e nas titorías de 2º de Primaria.

A Curuxa, mascota do pasado curso, diante do CEIP Balaídos.

Neste novo curso (2021-2022) temos unha nova mascota. Creamos, xunto cunha escola grega, dentro da comunidade Etwinning, o proxecto: ‘Xoán discovers Europe’.

Xoán é a nosa mascota da biblioteca e decide deixar o cole por uns meses para viaxar arredor de Europa, ensinando cales son as nosas tradicións e aprendendo sobre literatura, música e gastronomía doutros países europeos. Xoán viaxa cunha libreta na que leva escrita unha biografía de Rosalía de Castro e uns poemas da escritora (en galego e en inglés).Esta libreta terá espazo para incluír máis escritores/as.

Xoán no Marco.

Xoán, a mascota, que nestes momentos prepara a maleta, marchará dentro duns días e viaxará a varios países (Estonia, Croacia e Grecia) e en cada un deles engadirase a este libro a biografía dun autor ou autora representativo/a dese país.

Xoán leva na maleta postais e fotos de Vigo, receitas, e poemas de Rosalía de Castro

Xoán tamén levará na súa mochila postais e fotografías de Vigo e ensinará cancións e receitas galegas. Neste proxecto vai participar todo o colexio. As producións resultantes deste proxecto serán poemas recitados, un álbum de fotografías, postais de Nadal, un recetario e cancións populares. “É unha forma de poñer en valor a nosa propia cultura e, ao mesmo tempo, coñecemos a doutros países”, apunta a mestra de inglés.

Xoán e a curuxa na biblioteca do colexio.

Para todo este proxecto temos un calendario.

Setembro e outubro

Neste mes de setembro e no próximo (outubro) facemos unha presentación do noso cole, do alumnado e do profesorado. Cada escola participante, dos distintos países europeos, fará o mesmo. Os nenos e nenas están gravando nestes momentos pequenos vídeos nos que din como se chaman e algo que lles gusta.

Novembro

En novembro completaremos a páxina colaborativa, subindo a biografía do/a escritor/a que escollemos como representativo/a. Todos os países deben subir o seu ou súa e incluir unha escolma dos seus poemas, que servirá para realizar un recital de poesía. Nos meses de decembro e xaneiro intercambiaremos vídeos nos que ensinamos cancións populares. E enviaremos postais de Nadal entre os colexios participantes de toda Europa.

Xaneiro e febreiro

Xa en xaneiro e febreiro recitaremos os poemas dos escritores doutros países e enviaremos vídeos. Con esta actividade celebraremos o Día da Poesía, unha xornada multicultural ao ler poesías de distintos países de Europa.

Tamén haberá espazo para receitas, a través dun recetario online. Teremos oportunidade de compartir comidas dos distintos países de maneira que tanto o noso alumnado como os escolares doutros países aprenderán sobre os platos típicos de distintos sitios europeos.

O curso pasado a mascota saíu de Galicia e viaxou a Krasnik (Polonia); Estocolmo (Suecia); Rodas (Grecia) e Belek-Serik (Turquía).

Que se fai coa mascota cando chega a cada país?

Explícaselle aos nenos de que países vén e localízanse no mapa. A curuxa, a nosa mascota do proxecto anterior, realizou un paseo por cada cidade/vila á que chegaba, así como polas escolas. Soen sacarse fotos e faise unha historia con esa información. O alumnado dos distintos lugares ve e escoita os materiais cos que viaxa a mascota, así como as postais e sélase unha especie de pasaporte. Á vez, engade algo representativo da súa cultura. Cando a mascota volve á súa cidade de orixe, neste caso Vigo, é recibida polo alumnado e profesorado do centro e tamén visita lugares da cidade de orixe para poñer punto final á aventura viaxeira.

Cando volverá?

Neste caso, Xoán volverá ao CEIP Balaídos co remate do curso escolar, sobre maio ou xuño. “Veremos o libro que trae de volta dos/as escritores/as, así como as postais e fotografías das cidades visitadas”, apunta Cuñarro.