“A protagonista é unha nena á que as persoas do seu arredor evitan e incluso desprezan porque ten un aspecto distinto. A súa aparencia crea temor entre os demais nenos e nenas da cidade porque non entenden que lle ocorre. É unha situación que vemos a diario, tendemos a pecharnos a todo aquilo que non comprendemos e que nos causa temor”. Así se expresa Iria Misa sobre a súa nova obra: A cidade do átomo (Xerais), que vén de recibir o Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade 2021. “As probabilidades de non gañar un premio son máis altas cas de gañalo. Os premios son complexos. Recibir a chamada de que lle concederon un á túa obra é un momento de validación do teu traballo no que sentes unha emoción moi intensa”, expresa Misa (Gondomar, 1983). Misa é profesora e escritora.

En que te inspiraches para escribir este libro?

A cidade do átomo conta a historia de Lena Petrov, que vive xunto con outros nenos e nenas entre as ruínas da cidade abandonada de Prípìat, e o que me inspirou para escribir a súa historia foi saber que no momento que tivo lugar o accidente de Chernóbil comunidade infantil da cidade era moi numerosa. Nenos e nenas que dun día para outro tiveron que deixalo todo atrás e que se deberon sentir moi perdidos e desvalidos. Creo que por iso os personaxes desta historia permanecen na cidade, aínda que todo se estea caendo aos cachos. A sombra de Prípiat supón para elas e eles a seguridade daquilo que coñecen.

Por que Chernóbil/Prípiat?

Porque non deixa de fascinarme o feito de que en Europa, non tan lonxe de nós como parece, exista unha cidade enorme, que no seu día albergaba a máis de 45.000 persoas,  que leve trinta e cinco anos abandonada por completo. Un lugar planificado para que os seus habitantes tivesen a mellor calidade de vida que de súpeto quedou inhabitable por mor da radiación. As imaxes das ruínas das escolas, dos lugares de ocio, dos centros de deporte,... son desoladoras e á vez fermosas. Creo que Chernóbil un recordatorio do efémero que é o noso estilo de vida. E sobre todo tamén porque creo que Chernóbil aínda a día de hoxe é unha incógnita. Illouse o reactor, en teoría o problema controlouse, pero a realidade é que non se sabe moi ben que hai baixo o sarcófago que protexe os restos nucleares.

Se tiveras que destacar valores nesta obra...

Non adoito sentar a traballar nas miñas novelas cun plan trazado nin cunha serie de valores a tratar, aínda que logo aparezan conforme se vaia desenrolando a trama. O que si tiña claro é que a protagonista ía ser unha nena solitaria porque creo que o entorno desolador e silencioso duns edificios que se están vindo abaixo era moi propicio para narrar unha historia con estas características. E para que fose solitaria necesitaba crear un personaxe que dalgún xeito fose diferente, que lle ocorrese algo que provocase o rexeitamento dos seus iguais.

Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade 2021. Agardabas este galardón?

Non o agardaba, de feito aínda que se me presento a un concurso albergo certa ilusión, como é lóxico, xa que do contrario non o faría, o que espero sempre é non gañalo, porque as probabilidades de non gañar son máis altas cas de facelo. Os premios son complexos, e recibir a chamada de que lle concederon un a túa obra é un momento de validación do teu traballo no que sentes unha emoción moi intensa.

Igualdade, tema central.

A protagonista é unha nena á que as persoas do seu arredor evitan e incluso desprezan porque ten un aspecto distinto. A súa aparencia crea temor entre os demais nenos e nenas da cidade porque non entenden que lle ocorre. É unha situación que vemos a diario, tendemos a pecharnos a todo aquilo que non comprendemos e que nos causa temor.

Diversidade, identidade… son conceptos moi presentes nas túas obras.

Creo que é necesario traballalas a todas as idades, e que incluso cando pensamos que xa non temos que traballalas aínda seguimos necesitando facelo. As persoas somos incapaces de ver que o que nos fai iguais é que en realidade todas somos diversas e a identidade propia é algo no que traballamos ao longo da nosa vida, que nos crea medos, conflitos internos, problemas co noso entorno...

Notas un retroceso nalgúns aspectos?

Preocúpame ver que deberiamos estar camiñando cara unha sociedade máis inclusiva e que en realidade semella estar ocorrendo todo o contrario: crecen as mensaxes de odio, a LGTBIfobia, ...algúns días é moi duro seguir as novas.

Que che gustaría que sacaran en limpo desta obra os lectores/as

Gustaríame que gozasen da inmersión en Prípiat tanto como o fixen eu, que se deixasen guiar por ese espazo a través da narración. Durante moitos meses case vivín nesas rúas con nomes rusos e dentro deses edificios que gardan tantas historias truncadas. Oxalá os lectores e as lectoras sintan tamén esa curiosidade que me levou a explorar Prípiat como un lugar literario.

Algo que che fixera especialmente ilusión na escrita deste libro.

Cambio algo que me fixese ilusión na escrita por algo que me fixo especialmente ilusión no proceso de edición deste libro, que foi contar con Sonia García para as ilustracións. Creo que fixo unha interpretación da historia e dos espazos que acompañan o texto perfecta e que logrou captar a esencia dun lugar tan particular cunha fermosura tenra e sobrecolledora . Ademais A cidade do átomo é un libro no que tanto Sonia,  Anaír Rodriguez, a editora, e eu puxemos moito coidado, e o resultado é un libro que para min non puido quedar mellor, cheo de detalles que acompañan o texto. 

"A cidade do átomo", de Iria Misa.

Unha estremecedora historia ambientada na cidade fantasma de Prípiat, tras o desastre ecolóxico de Chernóbil. Tras a explosión no reactor 4 da plantanuclear de Chernóbil todo semella inerte na cidade do átomo. Desde a súa evacuación, Prípiat é unha cidade en ruínas que os pequenos e as pequenas, antea ausencia de adultos, se afanan por manter en funcionamento. Todos agás Lena Petrov, diferente e solitaria, que non é quen de atopar o seu lugar entre asrúas e edificios baleiros. Non hai nin rastro da súa mellor amiga, Svetlana, e agarda con ansia o regreso da súa nai. Tan só o enigmático Máscara pareceadaptarse tan mal coma ela á nova orde das cousas. Que segredo agochará?