Foron 75 premios os entregados nesta edición, a VI, do proxecto de xornalismo escolar de FARO. Alumnado, profesorado e organizadores, así como os patrocinadores e colaboradores que apoian esta iniciativa do diario decano coa educación, celebraron cunha gala no Pabellón de Navia o día 15 a culminación desta edición, con moito esforzo por parte da comunidade educativa ao ser un curso aínda marcado pola pandemia.
O CEIP García Barbón levou o primeiro premio ao mellor xornal. Este colexio apostou por unha foto na primeira páxina cun mural sobre igualdade: “Vacínate contra a igualdade: unha campañ de arte e valores a través de Frida Khalo”. Cun suplemento de lectura adaptada, integrador, sobre os recreos do cole en tempos COVID, unha entrevista a unha investigadora do Instituto Español de Oceanografía, unha reportaxe sobre os grandes inventos da historia (teléfono, a roda, a pila...) ou unha ruta por sitios para visitar en Galicia a través de códigos QR este colexio demostra un elevado dominio en contidos xornalísticos, así como na combinación dos mesmos para conseguir un orixinal xornal final. O mural de Frida Khalo foi elaborado entre as materias de Plástica e Educación en Valores para conmemorar o 8 de marzo, Día da Muller. No centro realizaron tamén un traballo sobre As Raíces da Ciencia, que describiron no seu xornal. O CEIP Plurilingüe Virxe Milagrosa, co segundo galardón ao mellor xornal, destacou a “nova normalidade” nun curso especial, marcado polo coronavirus. Sobre este tema elaboraron tamén unha simpática tira cómica no que a gripe queda despedida pola irrupción total do SARS-CoV-2. Este colexio tamén elaborou reportaxes en inglés, un deles cunha guía de praias de Bueu: “Are you a tourist? Have you got kids? Visit Bueu. Ioga infantil, ver medrar a “nosa comida” na horta e temas de igualdade e inclusión destacan tamén neste exemplar. Un deles, unha reportaxe sobre Hipatia: “una fuente de inspiración inagotable para las futuras científicas”, ou “Matilde Bares, la Mary Poppins de Bueu”. “Por un día a día inclusivo: trastorno do espectro autista” é unha información que destaca tamén neste xornal, ademais dunha páxina de cartas á directora do colexio e unha orixinal dobre páxina sobre nacementos (no canto de esquelas), coas que o alumnado do cole dá a benvida aos irmáns e irmás pequenos. O terceiro premio foi para o CPR Plurilingüe Divino Salvador, que destaca tamén polo conxunto de contidos: un suplemento titulado ‘Pandemia en Nunca Xamais’, un obradoiro de robótica, unha reportaxe sobre a horta, unha receita ou o Certame Literario Letras de Babel (11ª edición).