Lecturas emocionantes

'Maxia de pedra': "Podemos visitar e incluso tocar os restos do noso pasado"

Xavier Domínguez e Alba De Evan, autores de 'Maxia de pedra'.

Xavier Domínguez e Alba De Evan, autores de 'Maxia de pedra'.

Uns restos arqueolóxicos de orixe galega que se atopan en Roma son roubados cando viaxan de volta a Galicia. Ánxela, unha nena de 12 anos, atopa un gato de tres colas, con poderes máxicos, que é exactamente igual ao que estaba gravado no petróglifo roubado. De onde procede ese gato? Como puido chegar ata unha necrópole romana? Que interese hai detrás do roubo? Xabier Domínguez e Alba De Evan, inspiráronse no Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro para a escrita desta obra. Xabier é mestre de Primaria e apaixoado da historia de Galicia e De Evan é licenciada en Historia e profesora de Secundaria.

Como xorde a idea deste libro?

A historia de Galicia, concretamente na Prehistoria, é un apartado fascinante da nosa historia que moitas veces é descoñecido. Temos centros de interpretación e xacementos marabillosos que coa súa soa visita espertan a imaxinación. Un dos nosos preferidos, e o que inspirou o xermolo desta novela foi o de Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro, en Pontevedra, onde o conxunto de gravados é impresionante, xa que é unha das maiores concentracións de Europa. Inspirados por unha desas visitas, e matinando no significado místico que se baralla que esas figuras laberínticas puideran ter para os seu creadores, comezou a esbozarse a idea do que despois sería Maxia de Pedra.  

Credes que é unha materia pendente para os máis novos/as… o tema da Galicia castrexa, romanización…?

Cremos que tanto para os cativos como para os que deixaron de selo fai tempo. A historia de Galicia é bastante descoñecida e pensamos que é preciso dala a coñecer para poder respetala e amala como se merece. Non podemos valorar e sentirnos orgullosos de algo que non coñecemos. A literatura pode ser un bo xeito de acercarnos a ela.

Que credes que lles pode chamar a atención desta etapa?

A Galicia da Prehistoria, castrexa e romana, conforma un apartado fascinante da nosa historia do que temos impoñentes testemuñas que podemos visitar e admirar. A posibilidade de visitar os restos achéganos o período, faino real e tanxible e dispara a imaxinación sobre os nosos antepasados. A posibilidade real de ver, tocar e a partir de aí imaxinar e coñecer o noso pasado é un gran atractivo para a xente de todas as idades, tamén para os rapaces.

Acción para levar ao presente dos rapaces e rapazas esta historia…

No libro entretecemos viaxes ao pasado coa acción no presente, protagonizada por Anxela, unha rapaza adolescente. Os acontecementos do pasado crean a base para a aventura e acción que terá lugar no presente, onde misteriosos achados arqueolóxicos e escuros personaxes con intereses malévolos cruzaranse para configurar unha trepidante historia.

Canto hai de investigación para a elaboración desta obra?

Bastante, os datos históricos mencionados no libro están documentados a través de diferentes manuais e artigos de historia de Galicia. O libro inclúe ao final uns pequenos mapas conceptuais sobre a época dos petróglifos e os castrexos, para os que tivemos ampliar os nosos coñecementos previos acudindo a bibliografía especializada, coa intención de que o contidos estivese o máis actualizados posible segundo os estudos na area.

Que dato vos gustaría destacar?

A cantidade de xacementos que temos en Galicia sen dúbida é algo sorprendente e do que non somos conscientes en moitas ocasións. A magnitude e relevancia de máis de tres mil castros en toda a comunidade, sen falar da cantidade de estacións de gravados rupestres repartidas na nosa xeografía, configurando un territorio de gran relevancia histórica nun dos períodos máis escuros da humanidade en termos de información, como é a Prehistoria, fan de Galicia un territorio único. Semella que pese a toda esta riqueza non é algo do que estemos tan informados, ignorando parte da nosa rica herdanza.

Que agardades deste libro? 

Pois a verdade gustaríanos de que chegase a cantos máis cativos de Galicia mellor, que collan o gusto pola lectura, espertar en eles a curiosidade por coñecer a nosa historia. E por suposto que guste tanto que teñamos que publicar a segunda parte, que estamos a piques de rematar de escribir.

O último libro de Xabier Domínguez e Alba De Evan.

O último libro de Xabier Domínguez e Alba De Evan.

Domínguez e De Evan: 'Maxia de pedra' é o noso onceavo libro publicado. O primeiro foi A superavoa de Antón editado por Meu rei. A colección Naturizo (sae o 9 sobre o Xacobeo O Camiño das estrelas, despois do verán) editado por Edicións Linteo. Fronteiras de papel editado por Antela editorial. Tamén publicaremos despois do verán una novela para cativos titulada A bruxa Selana, editada por Triqueta Editora.

Tracking Pixel Contents