O futuro do xornalismo está en boas mans. Así o demostran os premiados na VI edición do proxecto Faro da Escola, iniciativa que nesta ocasión contou coa participación de preto de 5.000 escolares e que acredita, unha vez máis, que a profesión goza dunha boa canteira. Entregáronse na gala desta sexta edición 75 premios aos colexios participantes.

O alumnado amosou na confección dos seus xornais as virtudes que deben acreditarse neste oficio.

O CEIP García Barbón levou o primeiro premio ao mellor xornal. Este colexio apostou por unha foto na primeira páxina cun mural sobre igualdade: “Vacínate contra a igualdade: unha campaña de arte e valores a través de Frida Khalo”. Cun suplemento de lectura adaptada, integrador, sobre os recreos do cole en tempos COVID, unha entrevista a unha investigadora do Instituto Español de Oceanografía, unha reportaxe sobre os grandes inventos da historia (teléfono, a roda, a pila...) ou unha ruta por sitios para visitar en Galicia a través de códigos QR este colexio demostra un elevado dominio en contidos xornalísticos, así como na combinación dos mesmos para conseguir un orixinal xornal final. O mural de Frida Khalo foi elaborado entre as materias de Plástica e Educación en Valores para conmemorar o 8 de marzo, Día da Muller. No centro realizaron tamén un traballo sobre As Raíces da Ciencia, que describiron no seu xornal.

O CEIP Plurilingüe Virxe Milagrosa, co segundo galardón ao mellor xornal, destacou a “nova normalidade” nun curso especial, marcado polo coronavirus. Sobre este tema elaboraron tamén unha simpática tira cómica no que a gripe queda despedida pola irrupción total do SARS-CoV-2. Este colexio tamén elaborou reportaxes en inglés, un deles cunha guía de praias de Bueu: “Are you a tourist? Have you got kids? Visit Bueu. Ioga infantil, ver medrar a “nosa comida” na horta e temas de igualdade e inclusión destacan tamén neste exemplar. Un deles, unha reportaxe sobre Hipatia: “una fuente de inspiración inagotable para las futuras científicas”, ou “Matilde Bares, la Mary Poppins de Bueu”. “Por un día a día inclusivo: trastorno do espectro autista” é unha información que destaca tamén neste xornal, ademais dunha páxina de cartas á directora do colexio e unha orixinal dobre páxina sobre nacementos (no canto de esquelas), coas que o alumnado do cole dá a benvida aos irmáns e irmás pequenos.

O terceiro premio foi para o CPR Plurilingüe Divino Salvador, que destaca tamén polo conxunto de contidos: un suplemento titulado ‘Pandemia en Nunca Xamais’, un obradoiro de robótica, unha reportaxe sobre a horta, unha receita ou o Certame Literario Letras de Babel (11ª edición).

Mostra disto, por exemplo, os premiados na categoría de mellor portada innovadora, un galardón que foi para os traballos do CEIP Laredo Chapela e o CPR Plurilingüe San Miguel 2. Talento, curiosidade, calidade e creatividade na redacción, búsqueda de asuntos de interese xeral pero sempre apegados á actualidade, gusto á hora de presentalos, investigación son só outros dos valores que quedaron patentes nas páxinas destes xornais elaborados nas aulas. Deron boa conta destas virtudes os redactores do CPR Plurilingüe Virxe Milagrosa que se fixeron co recoñecemento á mellor reportaxe cunha peza sobre Matilde Bares “ a Mary Poppins de Bueu”, unha mestra da localidade que, segundo destacan no subtítulo, “educou e regalou oportunidades os fillos de Bueu nas rúas máis aló dos mares”. A mesma profesionalidade amosou o alumnado do CEIP da Cruz-Budiño na súa entrevista a dobre páxina ao científico galego César de la Fuente-Núñez.

A COVID, como non podía ser doutro xeito, protagonizou boa parte dos contidos, abordando a temática dende múltiples puntos de vista (científicos, persoais, sanitarios…) e empregando os diferentes xéneros. Tanto así que a tira cómica premiada, obra do CEIP Seara, tira de retranca para falar dos danos colaterais nos colexios polas medidas contra a pandemia. Pero non todo foi virus, senón que entre as cuestións que trataron os novísimos xonalistas tamén ocuparon un espazo preferente a sostenibilidade e o medio ambiente, o transporte público, o papel da ciencia, o feminismo o deporte ou a vida dos seus barrios.