Trátase dun conto colaborativo escrito por Fran Alonso, María Solar e Ledicia Costas, ilustrado por Leandro Lamas e Lucía R. Regueiro e promovido pola actriz e presentadora Lucía Regueiro dende Unicef Comité Galicia. “Cando escribimos ‘Contaxio’ os nenos estaban pechados entre catro paredes sen poder saír, non había colexio, perderan as rutinas e os adultos das súas familias tiñan preocupacións non só sanitarias, tamén polo futuro e a economía. A incerteza estaba no ambiente e as familias precisaban axudar aos fillos a sobrelevar unha situación inédita. Contaxio vai de vencer medos unidos, de colaborar e saír adiante, sabendo que hai eivas, pero buscando solucións”, afirma María Solar, escritora e xornalista, que destaca o traballo colaborativo. “A través de ‘Contaxio’ promóvese a adquisición de actitudes como o interese por apoiar e axudar a outros en momentos difíciles e a preocupación polos sentimentos dos demais. En definitiva, contaxio impulsa o desenvolvemento de actitudes e valores que constrúen democracia e cidadanía”, sinala Myriam Garabito, presidenta de Unicef Comité Galicia. Sumáronse á iniciativa actores e actrices galegos e “Contaxio” tamén ten a súa versión audiovisual.

Libro colaborativo: 'Contaxio'.