“En ‘Douche a miña palabra’ conto a anécdota dun neno que coñecín nunha viaxe a Cabo Verde que quería escribir e non tiña con que. Regaleille o meu bolígrafo e a súa felicidade foi infinita. Ese tipo de sucesos fanme consciente de que son escritor porque tiven a sorte de ter acceso á educación pero que se nacese nun país pobre non tería ningunha posibilidade de desenvolver a miña vocación; lamentablemente, a pobreza enterra o talento”, conta Fran Alonso, escritor e director de Xerais. Alonso acaba de publicar “Douche a miña palabra”, un libro no que reflexiona sobre o que supón a escrita, o que se pode chegar a facer coas palabras, para os máis novos, pensado para eles/as.

No libro intenta explicarlles “a importancia da palabra, que nos fai humanos e nos converte en seres racionais”.

Como se chega a ser escritora ou escritor? Por que se escribe? Pódese vivir sen ler? Pódese aprender a pensar a través da lectura? No seu libro trata de reflexionar sobre o superpoder da lectura e sentir a chamada das palabras. Os escritores e escritoras pelexan coas palabras, míranlles as patiñas nun microscopio e constrúen historias, así consta na presentación da súa última obra.

Como facer entender a un neno/a a importancia de ler, das palabras?

En Douche a miña palabra intento explicarlles a importancia da palabra, que nos fai humanos e nos converte en seres racionais. As palabras son seres vivos que conviven connosco, que habitan as nosas cabezas e as nosas bocas e que nunca son inocentes porque que nos definen e identifican como persoas. Intentei explicalo con exemplos claros, con metáforas e unha redacción moi comprensible.

Supoño que conectando coas numerosas lecturas que os rodean…

Por fortuna, a diversidade dos libros garante lecturas para todo tipo de intereses. Pero, sobre todo, é importante comprender que a lectura ten Superpoderes, que se existen os Superpoderes están na lectura, porque é o xeito de poder vivir experiencias que non son propias, de escoitar voces sen que nos escoiten a nós, de ver personaxes que non poden vernos, de viaxar a lugares, tempos ou situacións aos que non poderiamos acceder sen ler.

Como atraer á lectura entre tanta pantalla, videoxogo, etc…?

Eu creo non debemos plantexar a dualidade libro e lectura fronte a pantallas, videoxogos e audiovisual como unha confrontación, como un dilema. Non só é posible convivir coas dúas formas de ocio e aprendizaxe senón que é necesario, na sociedade actual, que saibamos alternar as dúas, porque son complementarias e porque nos dotan habilidades diversas. Por outra parte, a lectura e as pantallas están en disposición de interactuar entre si.

Que libro te marcou a ti de pequeno, recordas? Non sei se o primeiro que leras ou un dos primeiros

Eu conto no libro que a miña infancia foi moi distinta á actual e que cando eu era neno a literatura infantil e xuvenil non chegou a min. Lina xa adulto. Eduquei lendo, sobre todo, tebeos e cómics, que sen dúbida fortaleceron a miña relación cos libros e a lectura.

Cal é a clave para que un rapaz/rapaza que le de neno siga lendo despois.. non se baixe xa do tren?

En xeral, as bibliotecas escolares están a facer un excelente traballo, pero non podemos facer que recaia toda a responsabilidade na escola; o papel da familia é fundamental, e para que unha nena ou neno siga lendo é necesario que a familia acompañe nese proceso. Pero non se trata de insistirlles aos nenos que lean senón de dar exemplo, de falar dos libros, de compartilos, de facer deles un acontecemento familiar e social.

E en que momento tomaches a decisión de adicarte á escrita?

No meu caso non foi unha decisión senón unha vocación que me acompaña desde neno, sen ningún motivo aparente e sen referentes no meu entorno. As vocacións intensas case sempre son un enorme misterio, algo dificilmente descifrable.

É certo que non non elixe ser escritor, que é a escritura a que te elixe a ti e non podes xa escapar…?

Para un escritor vocacional coma min é a escrita a que se che mete no corpo e non podes botala fóra. Ou se cadra si, porque tampouco me gusta mitificar, pero en todo caso, non queres botala fóra porque a levas moi dentro, formando parte inseparable de ti.

Algunha anécdota que che pasara con nenos/as e que queiras contar...

En Douche a miña palabra conto a anécdota dun neno que coñecín nunha viaxe a Cabo Verde que quería escribir e non tiña con que. Regaleille o meu bolígrafo e a súa felicidade foi infinita. Ese tipo de sucesos fanme consciente de que son escritor porque tiven a sorte de ter acceso á educación pero que se nacese nun país pobre non tería ningunha posibilidade de desenvolver a miña vocación; lametablemente, a pobreza enterra o talento. 

Último libro de Alonso.