"Non teñas medo de ser ti mesmo!", "Non hai batalla que non gañemos", "O poder está en ti".... son todas elas frases da canción "Fonte de Poder Brutal", un tema gravado por alumnos/as e profesores/as do CPR Daniel Castelao que darán a coñecer o luns, Día das Letras Galegas, a través dun vídeo que colgarán nas redes.

Alumnado de colexios e institutos celebraron estes días de distintos xeitos a figura de Xela Arias (Sarria 1962-Vigo 2003), "unha muller adiantada ao seu tempo". Docente, poeta, editora... O Día das Letras 2021 é para ela, para lembrar a súa figura e cada centro educativo celebrouno á súa maneira.

No CPR Daniel Castelao, por exemplo, crearon unha canción "moi especial". Son alumnos e alumnas de FP Básica que durante un tempo e por distintas circunstancias perderon a motivación e nesta modalidade de Formación Profesional intentan buscar o seu camiño. Traballaron nos últimos meses nun proxecto coa profesora Tania Rodríguez que culminou, precisamente, coa gravación dunha canción que estrearán o Día das Letras 2021.

"O poder está en ti/só ti o poderás lograr/busca o teu camiño/nunca é tarde para cambiar", son algunhas das frases da canción que titularon Fonte de Poder Brutal, coas siglas da FPBásica, "precisamente para transmitir unha mensaxe empoderadora e de superación".

"Non hai obstáculo que non venza, temos a forza para poder cambiar", apuntan neste tema de música urbana. "Este ano estiven a traballar cos rapaces/as de Formación Profesional Básica nun proxecto moi interesante que culminou coa gravación dunha canción en galego con eles e elas. O proxecto consistiu na creación dunha rede con publicacións en galego. O alumnado creou contas de Instagram onde debían actualizar a información semanalmente con aspectos variados da cultura galega como música, historia, arte, cine, tradicións... todo referido ao ámbito da cultura galega co fin de fomentar o uso do galego nun contexto máis próximo e familiar ao alumnado", conta Tania, profesora de galego.

"Para culminar o proxecto, contactei co produtor Vince Stone, amigo e compañeiro meu na formación Ludwing Van Brothers, quen montou un pequeno estudio de gravación no cole e gravamos un tema que previamente compuxemos cos rapaces e rapazas, cunha letra que fala da superación persoal", expresa a docente, que ademais é cantante de The Mirror e Annie Rose cos Ludwid Van Brothers.

Unha das alumnas durante gravación.

Alumno gravando.