É o último verán, logo de finalizar o último curso do instituto. "Santo Amaro" (Xerais), de Antonio M. Fraga, vén de gañar o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. As preocupacións nesas idades, o xeito de pasalo ben... esas tardes noites de verán na praia... E a incertidume de cara o futuro. Cambios de etapa. "Ás veces necesítase tempo para saber o camiño que se quere percorrer", apunta o autor. E non pasa nada. "Un ano na vida dunha persoa non é nada", engade.

Cal foi a inspiración para este libro?

No próximo, no que está preto de min. A praia que serve de escenario único a esta historia está a dez minutos da miña casa. E os personaxes que transitan polo libro están moi próximos á rapazada coa que traballo a diario, aínda que tamén teñen moito de min. Como Voldemort cos horrocruxes, deixei un anaquiño da miña alma en cada un deles.

Ten moitas referencias musicais...

A música serviume de ponte interxeracional para me achegar aos rapaces e rapazas que protagonizan a novela. A min gústame moito a música, está moi presente no meu día a día. A medida que escribía a novela fun creando unha lista de reprodución cos temas que ían aparecendo na historia. Esa foi a banda sonora do meu proceso de escrita.

O libro ten un estilo lingüístico moi propio ou próximo á rapazada, foi difícil?

Non sabería dicir se foi difícil. Tratei de ser moi rigoroso con este tema, iso si. Quería que os diálogos fosen o máis realistas posibles e, para iso, os personaxes tiñan que falar coma os mozos e as mozas desa idade. Con todo, non quería pasarme de freada e caer na parodia, así que tratei de abrir ben as orellas e escoitar como falan, que palabras e expresións son as que máis empregan. Iso axudoume tamén a definir os distintos caracteres, pois cada un, cada unha, fala dun xeito distinto porque, malia pertenceren á mesma cuadrilla, teñen tamén personalidades e intereses moi diferentes. Foi un proceso bonito.

Que pretendía conseguir con esta aproximación?

Quería que cando alguén lea o libro lle resulte imposible pensar que David, Begoña, Marta ou Fer non existen, que son só personaxes de ficción. E tamén que cando unha rapaza de Redondela ou un rapaz de Rábade se meta na historia de santoamaro pense: “Vaia! Esta persoa lémbrame moito á miña amiga, ou ao meu compañeiro, ou ao meu namorado”. En resume, quería darlle vida propia aos personaxes.

O libro conta temas moi actuais nesas idades pero tamén comúns noutras xeracións. Que similitudes percibe con respecto á súa adolescencia-mocidade?

Creo que a incerteza ante o futuro é común a todas as xeracións cando se achegan a esta idade, na que soportas unha presión enorme para que decidas quen vas ser na vida adulta. Eu trato decote con pais e nais que reciben os pequenos fracasos ou indefinicións dos fillos e fillas como unha traxedia. Sempre trato de lles subliñar que un ano non é nada na vida dunha persoa, e que, ás veces, necesítase tempo para decidir o camiño que se quere percorrer.

Cales cre que son as principais preocupacións dos mozos e mozas na actualidade?

Creo que é a primeira xeración que se toma medianamente en serio o futuro do planeta. Sinto que están realmente concienciadas con iso. Deixámoslles como herdanza un planeta que agoniza, cargándoas coa responsabilidade de amañar o que antes nós fixeramos mal. Despois, están tamén preocupadas polo seu futuro. Nunha sociedade que encadea crises e cunha dinámica tan líquida, faise cada vez máis difícil atopar oportunidades para construír unha vida. E non podemos esquecer que viven nun sistema baseado en crearnos constantemente novas necesidades, coas decepcións derivadas dese bombardeo.

Que valores conviría reforzar nestes momentos e por que?

Esta é unha pregunta moi difícil. Doulle moitas voltas a como me gustaría que fose a miña filla de adulta, e como podo axudarlle agora para que teña unha vida feliz. A conclusión á que chego sempre é que desexaría que fose empática e autosuficiente. Que non basease a súa felicidade só no persoal, senón que fose solidaria e se preocupase polo colectivo. Asemade, gustaríame dotala das ferramentas para poder enfrontarse á vida dun xeito autónomo. Supoño que ese é un legado que se pode desexar a calquera persoa nova.

Santo Amaro, de Antonio M. Fraga

Unha cuadrilla, unha praia, o último verán xuntos...

Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, 2020

Finalizado o seu derradeiro ano no instituto, unha cuadrilla de rapaces e rapazas disponse a gozar do verán tras o cal, posiblemente, os seus camiños se afastarán para sempre. Despois dunha noite de festa acaban na praia de Santo Amaro, onde prometen xuntarse nas madrugadas dos sábados para bañarse no mar e conversar. Nese único escenario van agromando as relacións e os segredos, a amizade e a traizón, os medos e as feridas. Cara ao final do verán, un terrible acontecemento dinamitará o que semellaba un grupo indestrutible e desvelará aspectos dos protagonistas ocultos até entón. santoamaro mestura libremente a narrativa co teatro para crear unha novela híbrida, na que a praia se constitúe no escenario dramático onde emerxe unha historia tan contemporánea como viva.