"Cando moitos destes nenos e nenas crezan e reflexionen sobre a sua infancia daranse de conta de como esta estivo moi condicionada, para ben ou para mal, por unha realidade na que os avós suplían, en boa medida, o tempo cos pais. Do mesmo xeito que na Galicia do pasado houbo moitos nenos que quedaron na aldea cos avós mentres os pais emigraban, na do futuro haberá moitos nenos e nenas que lembrarán como os avós pasaban máis tempo con eles que os propios pais ou como os avós foron unha peza fundamental para que as súas pequenas vidas fosen cara adiante". Así explica David Rodríguez, autor de "Superavoa" (Xerais), a esencia do seu libro, do que tivo oportunidade de falar co alumnado de centros participantes nesta VI Edición do Proxecto de Xornalismo Escolar Faro da Escola (con cerca de 60 centros educativos).

Polas aulas dos centros de Faro da Escola pasaron ao longo deste curso o personaxe máis emblemático de Rodríguez: a avoa Rita, en homenaxe a todos eses avós e avoas que comparten o tempo cos pequenos e pequenas no día a día.

A escritora Antía Yáñez tamén participou nestes encontros virtuais para falar de Xeila, Heitor, Aldán ou Noela, os integrantes da particular cuadrilla de "Plan de Rescate" (Xerais).

"Unha mañá Orestes sae da casa e atopa todo demasiado estraño, coma se o mundo tolease. De súpeto, ve a súa irmá pequena soa na beirarrúa. Cóntalle que conseguiu fuxir do rei Koopa, pero que debe regresar axiña ao castelo onde estivo secuestrada e deixou esquecido o seu osiño. A partir dese momento, Orestes inicia unha disparatada carreira seguindo o rastro da súa irmá polas rúas dunha cidade estrepitosa, onde vai ter que lidar coas normas de circulación viaria se quere chegar vivo á meta". Este é o resumo da obra de Rosa Aneiros, "Orestes perde o sentido", autora que tamén compartiu charla virtual co alumnado de Faro da Escola.

E Teresa González falou tamén da súa obra, publicada tamén con Xerais, "A nena, o monstro e o mar", nunhas charlas que neste curso tiveron lugar de forma virtual debido ás circunstancias especiais pola pandemia.