Seguro que oístes falar nalgunha ocasión das investigacións científicas, pero sabedes o que son e como se fan? Pode que o primeiro que vos veña á mente sexa un laboratorio con moitos aparellos e persoas con batas brancas facendo experimentos. Vese moito na tele. Pero tamén hai outro tipo de investigacións, que se fan fóra dos laboratorios e para as que non fai falla levar bata branca. Hoxe vouvos falar dunha destas profesións desde a que se fai investigación sen bata, a antropoloxía.
Imaxinádevos que unha antropóloga fose a un colexio para investigar sobre como se usa o patio do colexio, o papel do xogo e os roles de xénero. Que pensades que necesitaría? Talvez se vos ocorra que o primeiro sería un permiso do director ou directora para poder investigar nese colexio e logo tería que estar tempo no colexio, e... que faría ese tempo que vai pasar no cole? Probablemente me digades que preguntaría aos nenos e nenas a que están a xogar no patio, como o fan e tamén que problemas poden xurdir entre eles. Tamén preguntaría ao profesorado e monitores/as que traballan nese colexio como ven a participación nos xogos que se desenvolven no patio.
Pois si, tedes razón: unha parte da investigación en antropoloxía consiste en falar coas persoas, facer entrevistas individuais ou en grupo ao alumnado, ao profesorado, monitores/ as ou calquera outra persoa que traballe nese colexio, ou facer cuestionarios. Todo isto son técnicas de investigación que se usan en moitas disciplinas e tamén en antropoloxía. Se vos fixades, estas técnicas tentan documentar o que se di, é dicir, as palabras das persoas que nos axudan cos seus testemuños na nosa investigación… pero, que pasa cos silencios? como se investiga o silencio? que pasa co que non se di? que pasa cando non se sabe, non se quere, ou non se pode expresar algo? que pasa cando o que se di non ten nada que ver co que se fai ou co que se pensa?
Vou contar un segredo: en antropoloxía temos unha arma secreta para investigar o que non se di. Esta arma secreta chámase etnografía. Cando queremos estudar como vivimos e como concibimos o mundo, preguntar directamente –ou indirectamente- é útil, pero non é suficiente. Os silencios interésannos porque nos podemos centrar no que ocorre, o que chamamos a acción social.
Ademais de facer todas esas preguntas, a antropóloga pasaría un tempo facendo algo tamén no cole, é dicir, participando nalgunha actividade e colaborando. Á vez, estaría a observar. A isto chamámolo observación participante. Tamén anotaría todas as súas observacións no seu diario, que se chama diario de campo. Si, dá igual que o colexio estea no campo ou na cidade… porque “campo” refírese ao sitio no que se desenvolve a investigación, aínda que ese colexio estea no medio dunha cidade como Vigo. Deste xeito, a nosa antropóloga estaría a observar as actividades do patio e a participar nelas, algo esencial se quere comprender que é o que ocorre no patio cando está a xogar o alumnado.
O bo que ten a etnografía é que se pode empezar a facer a calquera idade. Na clase podedes probar a facer unha “mini-etnografía”. AQUÍ VOS DEIXO UNHA GUÍA para que vos acompañe por se vos apetece metervos na observación atenta, nas palabras e nos silencios da xente. Fíxoa Francisco Ferrándiz, do CSIC, dentro da iniciativa “A aventura de aprender”.
Esta arma secreta permite estudar as regras non escritas do comportamento das persoas. Imaxinádevos, pódese investigar practicamente todo!... sempre, claro, que as persoas nos dean o permiso para entrar nas súas formas de vida, nos seus silencios e crear a confianza necesaria para compartir ese tempo e esas vivencias.
Animádesvos a comezar unha mini-etnografía?