Por estas alturas, ben sabemos que a creatividade é unha desas capacidades que definen como única a nosa condición de especie humana, a pesares de que foron os primates os pioneiros, coa súa indiscutible curiosidade. Curiosidade e creatividade, dous elementos que camiñan da mesma man, e que foron a clave da nosa evolución como sociedade, das grandes invencións. Outra das cousas que tamén temos claras dabondo é a necesidade de adestramento da creatividade, non deixala ir da nosa infancia e mantela activa ao longo de toda a vida. Mais non é doado, no noso contorno dáse unha predominancia da lóxica, do pensamento converxente e analítico. Mesmo en nós, tamén o hemisferio esquerdo do cerebro manda por regra xeral. E por este motivo da compensación, cómpre darlle presenza tamén ao o hemisferio dereito, xa que logo, acadaremos as mellores solucións, as máis creativas, cando conectemos as dúas áreas do noso cerebro, para que interactúen e acaden a máxima potencialidade nas saídas, nas solucións.
Neste ano 2021, proclamado pola ONU Ano Internacional da Economía Creativa para o Desenvolvemento Sostible, recoñeceuse tacitamente a importancia da relación do coñecemento, a creatividade e as ideas, e a educación para, entre outras cousas, erradicar a pobreza, favorecer a inclusión e promover a sostibilidade no crecemento dos países. Así pois, tendo en conta todas estas circunstancias, potenciar a creatividade desde os centros de ensino e nas casas, vai permitir que a rapazada estea mellor preparada para facer fronte a un futuro que demandará deles habilidades que se traballan con eficacia co pensamento creativo, e moitas delas están recollidas nas competencias clave do currículum. Entre outras:
-Autoconfianza: as persoas creativas son afoutas. Tentar facelo de novo, ás veces fallar, outras acadar éxitos, e a partir de aí ir gañando confianza, incrementando a crenza nas propias ideas. É cuestión de probabilidade: cantas máis oportunidades, máis capacidade, maior confianza e máis éxito.
-Seguridade: as persoas creativas perden o medo ao erro. Aprender a mirar o erro dun xeito positivo e sacarlle proveito, fai gañar seguridade. O erro é un sendeiro, forma parte do proceso de aprendizaxe activa, amosa o que non funciona e así achega paseniño á solución axeitada.
-Curiosidade: as persoas creativas queren saber máis. Sentir paixón por algo, leva a querer afondar na materia, e tamén en temas afíns, ampliando horizontes. A curiosidade prende a faísca do coñecemento, e deste modo, cun dominio da materia, xorde a creatividade.
-Pensamento crítico e reflexivo: as persoas creativas cuestionan as cousas. Achegarse á realidade desmontando o establecido, rompendo patróns e ideas aprobadas pola maioría, desenvolver a mirada analítica, reflexiva, a capacidade de síntese. O proceso creativo, ademais da xeración de ideas, precisa da lóxica e do pensamento crítico para completar todas as fases.
-Motivación: as persoas creativas gozan de motivación intrínseca. Non hai mellor detonante para o esforzo, que sentir querenza pola materia de estudo. Ao afondar na aprendizaxe, espértase a curiosidade e as ansias polo dominio da área, sen necesidade de forzas externas que nos motiven. O “elemento”, do que fala Ken Robinson, ou a sensación de “fluir”, da que fala Mihaly Csikszentmihalyi.
-Respecto: as persoas creativas son tolerantes coa diversidade. Saber escoitar ideas diferentes das nosas, aceptar opinións ata contrarias ou alleas, é imprescindible para poder xerar solucións. A creatividade parte da habilidade para conectar ideas e solucionar problemas e situacións complexas. En equipo atópanse as mellores hibridacións.
-Empatía: as persoas creativas saben camiñar cos zapatos doutras. Para achegarmos ás emocións dos demais, hai que saír da nosa zona de confort e comprender tamén outras realidades. Traballar a través dos nosos sentidos o que pode estar sentindo a outra persoa, leva a dar con respostas creativas (e máis respectuosas).
-Comunicación: as persoas creativas necesitan das habilidades sociais. A habilidade da comunicación é característica necesaria para relacionarnos coas demais persoas e co contorno. Saber comunicar os nosos puntos de vista con mensaxes claras e convincentes é importante para gañar competencia creativa.