"A Amazonia é un mundo verde e único. Tamén é o fogar de moitas tribos indíxenas que viviron alí desde o inicio dos tempos. Algunhas delas manteñen relación coa civilización, mentres que outras decidiron permanecer voluntariamente ocultas no corazón da selva. A miña tribo é unha delas. Eu son Husu Aké...". Esta é unha porta ao libro "A Folla Azul" (Xerais), obra coa que a escritora Andrea Maceiras (A Coruña, 1987) gañou o Premio Merlín.

Como aparece a idea de “A Folla Azul”?

A folla azul conta a historia de Husu, unha nena pertencente a unha tribo amazónica non contactada e voluntariamente illada da sociedade. Un día, os membros da tribo vense afectados por unha estraña enfermidade que provén do mundo civilizado. Husu, a nena dos ollos de luz, sálvase grazas ás premonicións da súa avoa. Só ela pode conseguir a cura para a doenza dos seus irmáns e irmás que precisamente é a folla azul que dá título á historia. Deste modo, emprende un longo camiño cheo de aventuras no que toma conciencia do perigo que corre o seu fogar, a selva. Creo que os nenos e nenas están moito máis preocupados polo medio ambiente e o ecoloxismo do que podemos pensar. Moitos dos movementos a prol da natureza que se dan na nosa sociedade veñen da man de xente moi nova, adolescentes. E este interese foi o que me inspirou para escribir A folla azul. Quería contar unha historia que puxese de manifesto esta realidade.

 

Como foi o proceso de documentación?

Husu pertence á tribo dos Tacaré. Trátase dunha tribo ficticia que se inspira directamente nos Kayapó e recolle moitos aspectos culturais e sociais desta comunidade, como as súas lendas e costumes, que aparecen na historia. Tamén tomei elementos dos Yanomami ou dos Korubo, entre outros. A miña intención era facer unha metáfora ou símbolo de todas esas comunidades que manteñen as súas formas de vida ancestrais, en estreito vínculo coa natureza. Investiguei moito sobre a selva e os seus habitantes e, neste sentido, internet foi de gran axuda. Moitas destas tribos queren visibilizarse e empregan as tecnoloxías para pedir respecto polas súas formas de vida. Os kayapó son un exemplo clarísimo desta loita.

 

Quería describir o contraste de dous mundos?

A miña intención era a de describir outro modo de vida, moi diferente do noso e amosar que é posible ter unha relación diferente coa terra e a natureza. As tribos amazónicas son as grandes defensoras da selva porque esta forma parte das súas vidas e non imaxinan unha existencia fóra desa paisaxe, forma parte das súas almas e corpos. Considero que podemos aprender moito destas tribos e da súa conexión coa natureza e tamén que non son o suficientemente coñecidas e valoradas.

 

Que valores quere transmitir con esta obra?

 Como lectora sempre crin que o propósito principal da literatura é entreter aos lectores e lectoras e, máis aínda, cando se trata dun público infantil, así que o meu principal obxectivo era crear unha historia verosímil e plena que enganchase de inicio a fin. Ademais, esta historia presenta situacións que están a ter lugar na Amazonia, como a deforestación da selva, a contaminación dos ríos ou os incendios que arrasan hectáreas de mundo verde e, neste sentido, convida a reflexionar sobre todas esas circunstancias propiciadas polos seres humanos que destrúen un dos ecosistemas máis valiosos do planeta e as formas de vida a el ligadas, neste caso tribais.

 

Cre que os nenos e nenas entenden dun xeito natural o coidado da natureza e do planeta?

Si. Paréceme que posúen máis sensibilidade que os adultos e que están máis preocupados e preocupadas polo ecoloxismo. Os nenos e nenas aínda non teñen asumidas as respostas preconcibidas e moitas veces erróneas que nos dá a sociedade e por iso o seu razoamento adoita ser máis lúcido que o dos adultos. Os cativos non comprenden por que se lle está a inflixir tanto dano á natureza. E, cando nos paramos a pensalo en profundidade, realmente resulta incomprensible que destruamos o fogar que habitamos e que nos habita.

 

Por que cre que é tan importante, e máis nestes momentos, fixar este tipo de coidado medioambiental?

Os expertos levan anos advertindo de que estamos nun punto crítico en relación ao coidado do noso planeta e que o dano que estamos a facer na terra resultará pronto irreversible. A miña sensación é que non acabamos de crelo. O ser humano considérase superior á natureza e, por máis que esta se empeñe en demostrar o contrario, non saímos do noso erro. Ao final, dun xeito ou doutro, acabamos pagando as consecuencias que se verán agravadas para as xeracións futuras.

 O compromiso individual e a defensa da identidade propia están moi presentes. Que pretende transmitir?

A identidade é un tema que me interesa especialmente. Creo que tamén é atractivo para os nenos e nenas porque están na procura da súa personalidade, pero que non deixamos de evolucionar ao longo da vida neste sentido, mesmo de adultos. Non pretendo transmitir ningunha idea ao respecto, pero si propiciar a reflexión sobre a importancia de coñecer o noso, de valorar o que temos, tanto dentro de nós mesmos como fóra. Tendemos a separar o interno do externo, pero unha cousa é reflexo da outra. O respecto pola terra é tamén o respecto por nós mesmos e mesmas, coidar dela significa tamén coidar de nós. Somos unha unidade.