Tocaba a Semana da Prensa no cole e a profesora Iria Vázquez Rodríguez, que imparte Comunicación e Sociedade en Formación Profesional Básica no Colexio Fillas de María Inmaculada, pensaba en que podía propoñerlle ao alumnadoque realmente os motivara. Ocorréuselle que podían escribir o artigo que lles gustaría ver publicado na prensa e que nunca viran. Ou polo menos intentalo.

E aí empezaron a xurdir as ideas, por equipos, ata seis grupos. Os artigos, unha vez escritos e terminados, publicaríanse nas redes sociais do colexio e serían votados por toda a comunidade. O que máis ‘likes’ sumase sería o gañador desta iniciativa. E así foi. Un dos retos era: ¿e podería finalmente saír publicado nun xornal de verdade? ¿ese artigo nunca lido nin publicado?...

“Problemas medioambientais na industria téxtil” é o título do artigo do alumnado de FP Básica. Nel falan das trabas na industria téxtil: “a segunda industria máis contaminante do planeta”. “Segundo os últimos datos, o 8% das emisións de gases de efecto invernadoiro mundiais están vinculadas coa fabricación de prendas. Tamén hai outros factores como a contaminación por vertidos. Esta débese, en parte, ás sustancias que se filtran polos acuíferos e nas correntes fluviais para rematar nos océanos e así causar problemas na flora e na fauna marítima”, continúa o artigo escrito polo alumnado.

Traballaron neste tema alumnos de 1º de Ciclo de Formación Profesional Básica de Arranxos e Reparación de Artigos Téxtiles e de Pel. Segundo informa a profesora Iria Vázquez, os alumnos/as son: Michelle, Noa, Laura, Isaac, Yassmine, Erika, Carlota e Romina. “A actividade que lles propuxen era escribir o artigo que lles gustaría ler na prensa pero que aínda non se publicou. Somos un centro de formación profesional, a idea era que cada ciclo o enfocara no seu ámbito. O noso centro consta dos seguintes ciclos: Ciclo de grao medio de Actividades Comerciais, Ciclo de grao medio de Axuda a persoas en situación de dependencia, Ciclo de grao superior de Hixiene Bucodental, Ciclo de grao superior de Mediación Comunicativa”, explica Vázquez, que quere destacar o esforzo do alumnado para a elaboración dos artigos, en especial ao alumnado de FP Básica (que intenta buscar nestes estudos o interese por un oficio), que precisamente neste caso resultou ser o equipo gañador, co artigo máis votado polo público nas redes sociais.

“Todo o centro participou nas votacións e o que tivese mellor puntuación sería o candidato a ser publicado na prensa. Grazas a FARO por esta oportunidade”, comenta a profesora, que engade: “outros artigos presentados versaban sobre o Join Life, unha forma de reciclaxe téxtil ou a Laserterapia bucodental”. Aquí o artigo gañador:

Artigo enviado polo alumnado.

Continuación