“Non cantan paxaros neste bosque” é un conxunto de nove relatos de medo sobrenatural, inspirados na longa tradición literaria das historias de pantasmas; obviamente, tratei de actualizar ambientes e personaxes, non se trata dunha operación nostálxica, senón de integrar certas doses de inquietude espectral dentro dun marco realista e contemporáneo.

Diría que é literatura de xénero en estado puro, de terror, pero na súa vertente máis sutil, baseada na irrupción no inexplicable como unha alteración dos límites da percepción humana.

O libro xorde como un reto pracenteiro. Eu son un lector bastante fanático do xénero da ghost story , xa desde a mocidade. Levo décadas gozando dos relatos clásicos do xénero, desde os inicios góticos ata os clásicos do XIX e as súas revisións máis recentes, como por exemplo os magníficos contos dun autor como Chris Priestley, por poñer un exemplo. E decidín que era un bo momento para poñerme do outro lado e probar sorte: quería saber se era quen de provocar ese efecto atmosférico do “medo” literario, que encaixa como unha luva no marco do relato curto. Sobre todo, tendo en conta que en Galicia tamén contamos cunha xenerosa tradición, tanto popular como culta, de historias de pantasmas. Foi, por tanto, un desafío persoal de carácter bastante lúdico.

Misterio, inquietude, desasosego… son elementos relacionados co plano sobrenatural, coa atmosfera, con certas personaxes e lugares. Aínda que no fondo estou convencido de que o máis terrorífico dos relatos está no plano da realidade, na crueldade dos comportamentos humanos, baixo unha capa de aparente civilización. A pantasma só é un indicio que nos perturba, un detonante que desvela os nosos medos máis íntimos, ás veces ancestrais.

Non é un libro de valores, non vai por aí, aínda que supoño que en cada relato hai teimas persoais que non podo evitar. Pero diría que é un libro de entretemento, sen máis, ou un catálogo de homenaxes máis ou menos explícitas á tradición da literatura fantástica. Aquí tamén están Julio Cortázar ou Agustín Fernández Paz, por citar dous nomes moi recoñecibles.

Si sei o que lle gusta aos rapaces? Non sei que lle gusta aos rapaces, é o meu primeiro libro de relatos e non estou seguro de como poder ser recibido pola rapazada, supón un cambio de xénero e rexistro moi grande… agardo que atope o seu público entre esa xente nova que sente atracción pola literatura fantástica, sen máis. Sempre estivo aí ese público, sábeo atopar moi ben, por exemplo, a mestra Ledicia Costas.

Agardo que a partir dos doce ou trece anos sexa unha lectura atractiva para todo tipo de mozas e mozos. Para min sería unha ledicia moi grande que causase ese efecto marabilloso de poñer a pel de galiña , aínda que só fose un momento.

Novo libro de Carlos Negro.

SOBRE O LIBRO:

O medo. Un xuramento de sangue. O fulgor dunha moeda romana. O voo dunha mosca sobre o mantel da cociña. O rastro dunha nova especie de lesmas. A rutina dun autobús escolar. A transparencia dunha piscina. A soidade dun tobogán. O misterio dunha carta sen remitente. O canto do vento nunha mansión á beira do mar... Colle unha manta, prende unha luz suave, ponte a gusto no teu sofá preferido. É a hora de experimentar o pracer nada culpable do medo. Porque neste bosque de relatos os paxaros non cantan. E o misterio segue aí, a agardar por nós, como unha pantasma familiar, como un desasosego que nos leva de viaxe ao territorio do alén.