O pasado mércores 27 de xaneiro, debido ás novas restricións establecidas pola actual situación, na Escola Municipal de Música de Vigo voltamos á docencia virtual, e digo ben, “voltamos”, xa que deste mesmo xeito rematamos o terceiro trimestre do pasado curso; precisamente isto último axilizou a incorporación de novo ás clases telemáticas destas semanas: dunha banda, o profesorado adquiriu experiencia en docencia virtual neses últimos meses de curso onde deu comezo a situación de pandemia, e por outra banda, a maioría do alumnado xa estaba rexistrado na web e coñecía as plataformas, dinámica e materiais que empregariamos. Sorprendeunos a rápida adaptación do alumnado e familias que, cumprindo o horario establecido, estiveron seguindo as clases dunha maneira totalmente natural, trasladando á rede case de maneira íntegra o traballo levado a cabo presencialmente. Foi e está sendo un período de aprendizaxe para toda a comunidade educativa, pois o profesorado conseguiu que ao longo destas semanas, mediante a suma de tempo e enerxía, non se perdesen o fío nin o ritmo do traballo presencial, buscando a maneira de que a comunicación e entendemento, que resulta máis sinxela na clase presencial, fosen fluídos; aprendemos a ser máis concretos nos obxectivos e pautas que marcamos ao alumnado virtualmente pensando tamén na reincorporación presencial, para evitar un antes e un despois: mellor un continuo.

En xeral, o que máis botamos de menos é o contacto, pero xa non só no apartado virtual, senón tamén nas clases presenciais previas a este actual confinamento; o feito de ter que adaptar as aulas ás distancias acordadas fai que se perda un dos relevantes fins da educación grupal que é a socialización, digamos que é todo un pouquiño máis frío. Eu, como profesora de frauta travesa, e ao igual que os/as meus/miñas compañeiros/as de vento e canto, teño que manter as clases telemáticas ata novo aviso debido a que para poder tocar un instrumento de vento ou cantar precisamos baixar a ‘mascarilla’, e a actividade respiratoria e produción de mucosidade que efectuamos pode supor un risco máis alto de contaxio no caso de existir algún positivo na enfermidade. Se ben é certo que de ningún modo, polo menos en certos ámbitos, a educación virtual pode substituír a educación presencial, foi e é alentador e tranquilizador saber que, nunha situación extraordinaria deste tipo, o profesorado imos poder seguir realizando o noso labor.