“Gustábanme os avións, as naves espaciais, o tema de voar en cabina. Por iso, cando empecei a pensar nas miñas posibilidades de futuro, de estudar unha carreira, ocorréuseme enxeñería aeronáutica. Pero a miña esperanza desapareceu pronto porque me dixeron que se non tiñas unha estatura mínima e se tiñas algún empaste na boca non podías ser piloto... Entón desgusteime”, conta Eva Balsa-Canto, científica do Instituto de Investigación Mariña do CSIC que hai uns días conversou co alumnado do proxecto de xornalismo escolar FARO_DA_ESCOLA nas charlas “Ciencia en Feminino”. Máis de 3.000 alumnos/as seguiron vía Zoom e Youtube as historias de vida de varias investigadoras do CSIC para entender que é posible interesarse polas ciencias e traballar neste campo independentemente do xénero. Eva Balsa-Canto, xunto con Marta López e Luisa Martínez, contaron á rapazada cales eran os seus gustos cando eran nenas e como foron as súas etapas no instituto e na universidade. Hoxe seguen dedicándose ao que máis lles gusta, a investigación, traballo que combinan coa maternidade, viaxes e actividades de ocio.

 Descartada enxeñería aeronáutica, Eva Balsa puxo nunha balanza todo o que lle gustaba facer.Tivo dous profesores no colexio e no instituto nos que estudou na Coruña que recorda especialmente: Gregorio Escribano e María Carmen Díaz Cabanas, que deixaron nela un gusto especial por Física-Química ou Matemáticas. “Tamén me gustaba programar, non había Scratch, como agora, pero tiña unha asignatura tipo informática no instituto e aprendín a programar”. Con todo isto que lle gustaba optou por Física e agora dedícase a facer simuladores: “Mellorar o noso coñecemento sobre o comportamento de bacterias e lévedos como fábricas celulares usando modelos matemáticos e programación. E traballa en equipo con investigadoras de Valencia, Edimburgo ou París. Desde a experiencia destas científicas no CSIC, en canto a desigualdades entre homes e mulleres, consideran que non hai barreiras intencionadas, como tal: “si pequenos micromachismos que están asentados na sociedade e tamén o teito de cristal, que a partir dun determinado momento a carreira das mulleres deixa de avanzar e chegan os homes a determinados postos”. A produción científica é moi esixente e estas investigadoras consideran que hai certos momentos “moi complexos” vinculados normalmente a temas familiares. Como apuntaba Marta, “pois por poñer un exemplo, no primeiro ano de vida dun bebé”. “Eu si que coñezo a compañeiras que abandonaron”, apunta Eva, no seu caso, optaba a unha beca, eran seis, o resto eran homes e conseguíoa ela. Por iso explicaba nas charlas que ela non tivo problema polo tema de desigualdades. Marta indicou tamén que no CSIC o tipo de vínculo contractual é de funcionario, o que implica unhas condicións de traballo ben definidas. Eva recorda tamén situacións estrañas, como cando nalgunha conferencia era a única muller na sala porque na área na que ela traballa non hai moitas mulleres. Son moi poucas. Sen embargo, Marta López, que optou por Bioloxía e se dedica á investigación en seguridade alimentaria expresou que no seu campo si que son moitas mulleres.

Iso sí, todas elas coincidiron en que precisan apoio familiar, por exemplo, cando teñen que viaxar por traballo para que algún parente poida coidar dos fillos/as, tema que, segundo as relatoras, tamén ocorre en moitas outras profesións. De aí a importancia de compartir o coidado entre os membros da familia para poder desenvolver con éxito o rol laboral.

As tres científicas aconsellaron ao alumnado asistente ás charlas que escollan o seu futuro con liberdade e facendo caso do que lles gusta facer. Marta López puxo como exemplo para terminar unha das famosas viñetas de Mafalda: “Que as mozas non podemos facer que??!!”.

 

Un momento da charla a través da pantalla con parte dos participantes.

Alumnado curioso: “Cal é o principal fito da historia da ciencia?”

Os alumnos/as que seguiron as charlas “Ciencia en feminino” co gallo dos actos sobre o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, ademais da traxectoria das investigadoras participantes, tamén se interesaron polas áreas nas que traballan. E o tema COVID estivo tamén presente nas preguntas ás científicas. Pódese transmitir a través dos alimentos? Segundo Marta López, dende o principio da pandemia negouse esta posiblidade, de xeito que a vía principal de transmisión é a respiratoria. Outra das preguntas estrela do alumnado, que se mostrou moi participativo a través da pantalla trala intervención das científicas, foi cal consideraron o feito científico máis importante da historia. Para Marta as vacinas. E nunha situación coma a actual: “conseguir unha vacina en nove meses para combater o SARS-CoV-2 é un fito incrible, sen dúbida é unha resposta moi poderosa da ciencia”. Eva quixo destacar a secuenciación do xenoma humano que, segundo as súas palabras, marcou un antes e un despois na historia da ciencia e da humanidade.