Este libro, como moitos de Raquel Castro, xorde a partir das peticións dos actores e actrices do Grupo de Teatro Ata Sempre de Alxén, que ela fundou en 1999, para o que escribe todas as súas obras de teatro. “Cada tempada pídenme unhas determinadas cousas, eu mestúroas e de aí xorde a obra.Neste caso pedíronme que tiñan que merendar contra o final, que ensaiar polas tardes daba fame, que lles apetecía cantar o bingo e velaí a vella que canta o bingo... Tamén é certo que introduzo unha serie de valores sobre os que me apetece chamar a atención”, explica a autora, docente e escritora.

Como xorde a idea deste libro?

Xorde como case todos os libros de teatro que teño escritos, a partir das peticións dos actores e actrices do Grupo de Teatro ATA SEMPRE de Alxén, para quen escribo todas as miñas obras de teatro. Cada tempada pídenme unhas determinadas cousas, eu mestúroas e de aí xorde a obra. Neste caso pedíronme que tiñan que merendar contra o final, que ensaiar polas tardes daba fame, que lles apetecía cantar o bingo e velaí a vella que canta o bingo, ... Tamén é certo que despois eu introduzo unha serie de valores sobre os que me apetece chamar a atención.

Que valores querías resaltar?

Neste caso resalto o feito de poder elixir o teu futuro cando es nova, de escoller o que queres facer e con queres estar. Pode parecer que é algo obvio, mais aínda hai mozas da idade da protagonista que non poden facelo. A presión social, ás veces, pode moito e para as mulleres máis.

Tamén, sen querer facer spoiler, quero que se vexa que, ás veces, non todos os príncipes son azuis e moito menos príncipes.

Que personaxes/ferramentas empregas para crear a historia e conseguir eses obxectivos?

Funme ao conto tradicional, non é a primeira vez que o fago. Para min os contos clásicos son unha fonte inesgotable, mais hai que darlles a volta. Están contados desde un punto de vista patriarcal que nos limita como mulleres, como nenas e, xa se sabe, que ás veces os contos non son como nolos contaron.

Dormente, non é outra que “a bela Dormente”, pero de verdade alguén pode crer que está durmida porque foi curiosa, porque esa curiosidade a fixo picarse cun fuso? A curiosidade é boa, con ela descubrimos a vida. Dormente perde a ilusión por vivir e decide aletargar, deixar pasar.

Tamén me gusta introducir música e danza nas miñas pezas, neste caso boto man do tema I want to break free de Queen, porque ademais de ser un tema con moita forza, fala da liberación, “Quero liberarme”, da liberación dun mesmo para poder amar, primeiro temos que amarnos nós e coñecernos ben.

É unha aposta por reivindicar a situación de moitas mulleres no mundo?

Si, dende logo. Pensamos que só en países moi afastados as mulleres non poden decidir, pero non fai falla ir moi lonxe, ao noso carón hai mulleres que aínda non poden decidir e seguen crendo en príncipes azuis ou fanlles crer en príncipes azuis.

En termos xerais e tendo en conta o que estamos a vivir, que cres que é importante transmitir a nenos e nenas?

Deberiamos transmitirlles valores que os fagan críticos e críticas, para que poidan decidir por elas e eles mesmos. E, sobre todo, ensinarlles a ser tolerantes e abertos coa diversidade de opinións e opcións de vida que hai, demostrarlles que iso é riqueza, non algo negativo .

Aínda que fago comedia, gústame botar unha risas nos ensaios, tamén me gusta meter valores ou situacións que os fagan parase e reflexionar. Ás veces, se lles ofrecemos textos demasiado obvios na súa mensaxe poden levar ao rexeitamento. O teatro ofrece a posibilidade de converterte nun ser repulsivo e darte conta de que non queres actuar así. Ser Malévola pode molar, pero ao final sabes que vas quedar soa.

No ámbito da igualdade, cres que hai certas ideas/patróns de comportamento que supoñen un paso atrás?

Seguimos a ter unha sociedade marcadamente patriarcal, hai que loitar cada día para desfacer certos comportamentos que semellan ser “correctos”. Na publicidade seguen a aparecer os roles clásicos do que se espera dunha moza ou dun mozo. O día dos namorados segue enfocado ao amor paixón, no que semella que el debe regalarlle algo a ela. Eu aínda non vin ningún anuncio no que ela lle regale algo a ela ou el algo a el. Ou sinxelamente, regalarte algo a ti mesma, porque estar soa é unha opción tan válida coma outra calquera.

Vestimos cos roles establecidos para home e muller, sen ir máis lonxe hai pouco houbo unha polémica porque un rapaz se presentou vestindo unha saia nun instituto. Cando imos a unha tenda, sempre hai unha sección para home e outra para muller, ben delimitadas.

Por que ocorre isto?

Non sei, ás veces penso que é máis cómodo deixarte ir ca loitar. Hai que ser forte para estar todo o día coa bandeira erguida. “Xa está a feminista esa pensando mal”, pódenche dicir e, se es nova ou novo, o que se di de ti aféctache moito, porque pode deixarte illada ou illado do grupo. Hai mozos e mozas que escoitan música cunha letra que pon os pelos de punta, está de moda e seguen os seus cantantes nas redes e miran os seus vídeos cargados de estereotipos. Antigamente, na época dos contos, tamén se facía pero meténdonos o medo no corpo, como á Carapuchiña, ou edulcorándonos a vida en rosa e azul. Agora hai outros contos contra os que hai que loitar.

Este é o teu libro ...

Este é o meu libro número nove que publico, sete son teatro e dous son novela. Vou ao ritmo que me marcan os rapaces e rapazas do grupo de teatro, no que levo xa  vinte e dous anos escribindo como mínimo unha obra por ano. Foron o motivo de que comezase a escribir e sigo escribindo para eles e elas. Teño moita sorte, porque todas as miñas obras son representadas e, ademais, despois algunhas delas publicadas co que poden chegar a outros grupos de teatro infantís e xuvenís.

Dende aquí quero reivindicar a aposta que está facendo a editorial Galaxia pola publicación de textos teatrais infanto-xuvenís, porque co teatro os nenos e nenas poden representar roles, meterse no papel e darlle voltas e aí empeza o pensamento crítico que tanta falta nos fai.

Dormente.

SOBRE O LIBRO: Esta princesa está durmida? Será que non quere espertar? Por que queren que esperte? Para casala con quen non quere? "O escenario, con pouca luz, ten unha mesa de escritorio onde están sentados Xerlo e Amara. Na mesa hai moito papelorio e unha luz de lámpada de mesa. Un cartel ao fondo pon en letras ben grandes XASA (Xerlo e Amara, Detectives Privados, S.A.), así empeza esta obra.