E de novo o misterio, a incógnita... e para resolvelo moita acción...

A verdade é que é unha estrutura que me gusta a min, que me encantaba de nena, e así escribo: pensando no que eu lía e quería ler de pequena e nos libros e historias das que me lembro con máis agarimo. A min sempre me gustou o misterio, a aventura, por iso escribo case sempre deses temas.

Que características cre que debe ter unha obra para o público LIX?

Pregunta difícil, esta. Non sei se teño resposta. Eu tan só escribo, como che dixen, pensando no que me gustaba ler a min. Coido que a historia ten que ter algo de falcatrueira, de divertida. O resto xa son ingredientes secretos que nin eu mesma coñezo.

A atención á diversidade está moi presente no libro.

Teño unha academia de clases particulares en Cecebre e iso permitiume ver o mundo desde os ollos de moitos nenos e nenas diferentes. É unha sorte, a verdade. Sen esa experiencia, non creo que Plan de rescate fose o que rematou sendo, a verdade.

Fáltanos educación (en xeral) en aceptar o diverso, as diferenzas das persoas?

Coido que si. É o que di Noela no libro, sobre o que é ser normal e na normatividade, que o confundimos. Que se existe “o normal” tamén existe “o non-normal. Cremos que todo o mundo é á nosa imaxe e semellanza e non. A diversidade é riqueza. Imaxino se todo o mundo fose coma min, que horrible! Que aburrimento!

 Tamén a igualdade e xénero é clave nesta obra (e noutras, claro)...

Creo que queda moito por facer pero xa se fixo tamén moito. Eu, no instituto, nin coñecía a palabra “feminismo”. Agora vou de visita polos centros e hai adolescentes que se autodefinen feministas e que están moi concienciadas. Supoño tamén que me fixo nelas máis que nas persoas que quedaron anos atrás, no pleistoceno do machirulado. Sempre fun moi optimista, demasiado.

 Que che deu esta obra, como autora, con respecto ás anteriores?

Sobre todo, risos. Coido que foi coa que máis rin. E moito vocabulario para cando queira insultar a xente que o mereza, iso tamén.

Algunha anécdota que che pasara con eles e elas nos encontros de lectura?

Aínda fun a moi pouquiños pola situación da COVID, pero algo que me gustou moito dun foi que os nenos e as nenas dicían as virtudes e os defectos de cada unha das personaxes. De Xeila, por exemplo, afirmaban que era moi boa tranquilizando a Héitor. “É verdade!”, pensei ao escoitalo. E eu non escribira esa personaxe pensando que tería esa característica. É case coma se tomase vida propia fóra da miña cabeza e iso encántame da escrita: cando os lectores e as lectoras se decatan de cousas nas que ti nin caeras.

E tamén dende a túa experiencia, custa moito que lean?

Outra pregunta difícil! En xeral, cos nenos e nenas que máis interactúo son coas que lles gusta ler, lóxico, que son as que queren preguntarche e saber da historia e logo che piden que lles asines os libros. A min sempre me gustou ler, miña irmá odiábao e nunca fun quen de comprendela. Se ler é divertido e emocionante! Paréceme moi difícil a tarefa das persoas que teñen que fomentar a lectura na xente nova, de verdade. Toda a miña admiración, eu non sei se sería quen. O único que sei pola miña experiencia é que se a historia lles parece divertida, entón xa tes moito gañado, que non todo.

 Un desexo confesable que lle pedira este ano Antía Yáñez aos Reis Magos?

Confesable? Todos os meus desexos son inconfesables (muahahahaha, risa perversa).

"Plan de rescate": Moita aventura!

 Xeila, Heitor, Aldán e Noela están traballando na aula de apoio da súa escola cando algo raro acontece. Oen un estrondo e a profe Xoana, que vai comprobar que pasou, desaparece. Onde estará? E o resto do colexio? Por que anda a policía fóra? Como di Noela: prepárate para vivir unha aventura na que hai escopetas, sangue, xuramentos e ata un plan de rescate, pero tamén amizade, traballo en equipo e algo de amor.