Rematados os seus estudos, unha pequena pinga de auga está xa preparada para levar a cabo a súa misión. Pero no seu primeiro día todo ocorre demasiado rápido, perde de vista o seu grupo e esperta nun lugar descoñecido. Terá que reunir valor e internarse nese novo mundo para atopar os seus compañeiros e compañeiras, intentar cumprir co seu cometido e descubrir quen é ese escorregadizo descoñecido que o pon todo patas arriba.

Este é un pequeno resumo da obra de Anémona de Río (Aldara Álvarez) que estará presente nos encontros (virtuais ou presenciais) do Faro da Escola deste curso. Aldara debuxa dende nena. En 2013 entrou na escola de cómic e banda deseñada 'O Garaxe Hermético'. Ten varios premios polos seus dous libros ('Tam' e 'A proba de auga').

Unha proposta fresca no panorama literario galego. En que estilo estás máis cómoda?

Supoño que me baso moito no manga, coa diferenza de que este adoita ser en branco e negro e eu uso cor. En canto á distribución de viñetas e páxinas tamén se afasta bastante do manga, non rompo a estrutura como fan os xaponeses. Quizais debería intentar saírme un pouco da miña plantilla pero logo á hora de imprimir é algo que da problemiñas...

Sempre che gustou este estilo?

De pequena lía moito os cómics de “Astérix e Obélix”, tamén “Superlópez” e “Mortadelo e Filemón”. O meu pai sempre me mercaba a revista “Golfiño”, e máis tarde no cole a través dunha amiga foi cando coñecín o manga. O primeiro que lin foi “Neon Genesis Evangelion”. Probablemente non estivese na idade máis axeitada para ler esa historia en concreto ?? Se teño que mencionar algún autor/a preferido gustaríame citar a Rumiko Takahashi. As súas obras máis coñecidas son “Ranma 1/2” e “Inuyasha” pero persoalmente a que máis me gusta dela é “Maison Ikkoku”. Outro manga que me encantou foi “Fruits Basket” e en canto a anime de pequeniña estaba enganchadísima a “Shin Chan” na galega e “Mirmo zibang” e “Bobobo” en Cartoon Network.

Que supuxo este libro para ti?

Este libro en concreto é o segundo cómic meu que sae ao mercado, o primeiro foi “Tam”, editado por Retranca. “A proba de auga” é unha historia moi especial para min porque a primeira versión fíxena en 2010, cando estaba no instituto. Foi un dos poucos cómics que rematei e sempre me gustou moito como me quedou. Á hora de refacelo, evidentemente, cambiei e incluín un montón de cousas, pero a base é a mesma.

En que ou como te inspiras?

Para este cómic inspireime no traballo de meus pais, ambos son enfermeiros. Para “Tam” usei gags sinxelos que nos poden pasar a calquera nun día normal.

Debuxas a diario ou só cando tes unha historia?

Adícome a facer ilustracións personalizadas por encargo porque por desgraza non se pode vivir do cómic!

Que cres que é fundamental para que a un neno ou nena lle guste un libro?

Mmm, pregunta complicada. Creo que aos nenos o estilo de debuxo lles entra moito polos ollos, é o que máis lles chama a atención, pero logo é importante que a historia sexa interesante para que sigan lendo. Non demasiado complexa pero tampouco hai que tratalos como bebés, que os nenos son moi listos ??

Vas seguir por esta liña creativa ou os teus próximos proxectos serán distintos?

Hai apenas un mes rematei por fin o meu seguinte cómic, “Tam 2”, que con sorte sairá ao mercado este ano (aínda que tal e como está o panorama non se pode dar nada por sentado). Sinceramente as miñas últimas experiencias editoriais non foron demasiado agradables, o ano pasado foi un punto de inflexión moi grande, ver como é realmente este mundillo por dentro... Non estou segura de se farei ou non máis banda deseñada no futuro, estou bastante desencantada con todo. Sinto rematar cos ánimos polo chan pero quería ser sincera.

Agardamos que os encontros cos rapaces e rapazas sexan moi gratificantes e che inxecten moito afecto e optimismo.

Dende a escola de banda deseñada  ‘O Garaxe Hermético’

O seu primeiro manga foi ‘Tam’, un libro co que Aldara Álvarez gañou o Premio Fin de Curso 2017 na escola de banda deseñada O Garaxe Hermético, dirixida por Kiko da Silva. ‘Tam’, publicado por Retranca Editores, trata sobre unha moza que é invitada a participar nunha cea de estudantes e dá moito xogo para cuestionar estereotipos. Neste segundo libro, ‘A proba de auga’, a autora continúa co seu estilo manga, coloreado. A escola de banda deseñada O_Garaxe Hermético participa en concursos europeos coas mellores escolas de cómic.