O puntillismo é unha técnica artística que consiste en facer unha obra mediante o uso de diminutos puntos. Aparece por primeira vez en 1884, liderado polo pintor neoimpresionista francés Georges Seurat.

O profesor galego Carlos Lago, na súa canle de Plástica Pino Manso, mostrou ao seu alumnado (e tamén aos usuarios de Youtube interesados) como empregar esta técnica para debuxar. No seu día (S. XIX) Seurat realizou estudos cromáticos e chegou á división de tons pola posición de toques de cor que, mirados a certa distancia, crean na retina as combinacións desexadas.

“Trátase de colorear con cores primarias e deixar que as cores secundarias se formen na mente ou retina do espectador”, segundo explica o profesor de Plástica Carlos Lago (Instituto de Educación Secundaria Pino Manso-O Porriño).

No seu vídeo subido a Youtube explica que só se precisa unha base (tipo folio ou ‘cartulina’) para debuxar, un lapis para facer o debuxo e cores primarias (azul, vermello e amarelo). Aconsella o profesor ter varios tons de azul para poder sombrear (empregar azul claro e azul escuro en función das necesidades) e engadir tamén a cor negra porque, aínda que se pode conseguir mediante a superposición das anteriores, a zona de puntos queda menos nítida debido á xuntanza de varias cores.

Facer un debuxo base, segundo Carlos Lago.

Recomenda Lago que sexan rotuladores, porque a punta é máis precisa para a realización dos puntos na superficie que se elixa. De todos modos tamén serve calquera outro tipo de pinturas que permitan facer puntos sobre un papel ou tea. Para facer o debuxo Lago aconsella copiar, calcar ou imaxinar un debuxo, coas liñas base en lápis. Sobre esa base construirase a imaxe baseada nos puntos: depende da destreza á hora de xuntalos para conseguir sombras e efectos visuais.

O ceo de cor azul.

“Cada un dos puntos que compoñen estas obras teñen un tamaño similar, de forma que o espectador non pode deixar de observar unha perfección que fai pensar nunha imaxe idílica conxelada, como unha visión duradeira da realidade ou imaxe”, expresan sobre esta técnica na rede.

Distintas cores.

O profesor Lago pensou que era unha boa idea recomendar este tipo de tarefas ao alumnado durante o confinamento, unha técnica divertida, relaxante e que deixa moito espazo á creación e ao xogo visual. “O mundo é dos que debuxan”, aparece no inicio do seu vídeo na rede, animando ao alumnado (e a calquera persoa que lle apeteza, claro) a debuxar polo puro pracer de debuxar. Na pequena clase virtual debuxa unha paisaxe de montañas e un banco nun campo. “O único que hai que facer é poñer puntos. Dependendo da densidade de puntos que se aplique queda unha cor máis clara ou máis escura. Se empregades rotuladores con dúas opcións de punta (máis grosa e máis delgada) é unha axuda xa que o efecto visual é distinto e podedes empregalo para o xogo de sombreado”, expresa o profesor Lago no vídeo.

Paisaxe final, do traballo en Plástica Pino Manso (Youtube).

Pinta o ceo de azul, as montañas de verde. Como se consegue o verde? “Faise con azul e amarelo”, expresa Carlos. Nas fragas pon un toque alaranxado, que consegue co vermello e o amarelo. E como se consegue o marrón?, preguntan habitualmente os alumnos e alumnas ao profesor. “Azul, vermello e amarelo”, indica Lago, “nesa orde”. Unha das principais obras do puntillismo, de Georges Seurat, é “Tarde de domingo na illa da Grande Jatte”, un cadro no que parisinos e parisinas do S. XIX descansan e se relaxan no río Sena (ver imaxes).

Paul Signac foi outro dos representantes desta técnica, e unha das súas obras máis famosas é “O Pino en Saint-Tropez”. No 1890 o puntillismo alcanzou o punto de máximo esplendor, se ben este estilo segue a ser empregado para conseguir efectos visuais, sempre oxirinal e creativo.

"Pino en St. Tropez", de Paul Signac.

CONSULTA O VÍDEO DE PLÁSTICA PINO MANSO: