‘Stop motion’ é unha técnica de animación que consiste en simular o movemento de obxectos que na realidade non poden moverse, conta o profesor Carlos Lago, do IES Pino Manso de O Porriño, que colgan as súas experiencias artísticas nunha canle de Youtube que chaman Plástica Pino Manso.

Como facer un ‘stop motion’? Consiste en tomar un número elevado de fotografías e manipular os obxectos moi lixeiramente para cada unha delas, cambiando a situación ou a forma dos mesmos.

“Posteriormente esas fotografías reprodúcense a tal velocidade que se crea a ilusión óptica de que se poden mover por si mesmos”, expresa o profesor Carlos Lago nun vídeo tipo tutorial feito precisamente durante o confinamento para mostrar ao alumnado como podían facer un ‘stop motion’ nas súas casas. E o experimento deu resultado. E tanto! O alumnado deste instituto mostra unhas composicións de ‘stop motion’ estupendas. Se ben apunta o profesor que cando traballan na clase o proceso para a elaboración do ‘stop motion’ é en equipo.

Que hai que ter?

-Unha historia: “Pode ser unha historia inventada ou a historia de Don Quixote, por poñer exemplos. Pero tamén pode ser a adaptación dun conto ou unha interpretación dunha canción. Podes querer contarlle algo ao mundo, unha mensaxe que se queira transmitir ou explicar unha receita a través desta técnica”, conta o profesor Lago.

-Un escenario: pode ser un escenario real nunha ubicación que se busque en concreto, real, ou pode ser un escenario inventado. “Por exemplo, pode construírse un decorado dentro dunha caixa de cartón”, conta Lago. E pode empregarse pintura ou ‘cartulinas’, calquera tipo de material que se considere. As figuras poden facerse, por exemplo, de plastilina (este tipo de personaxes son moi fáciles de mover, de ir transformando para sacar as sucesivas fotografías). Pero tamén é posible empregar xoguetes tipo ‘playmobil’ ou LEGO, desmontables e articulables (estes tamén son fáciles de ubicar en distintas posicións para axudar á sensación de movemento).

Os efectos que se poden crear son infinitos: desde correr a voar, por exemplo. Crear esa sensación. “Facer que se mova só o cubo de Rubik”, pon como exemplo o profesor Lago.

Repasando:

-Unha historia

-Un escenario

-Uns personaxes

Unha vez seleccionados estes tres elementos principais toca facer as fotografías. Para isto é posible empregar:

-Unha cámara de fotos

-O móbil

No caso de empregar unha cámara de fotos despois hai que descargalas no ordenador e empregar un programa de edición de vídeo para proceder á montaxe.

Co móbil, só descargando unha aplicación, é posible facer as fotos e xa ter todo preparado para ir traballando na aplicación que levará ao video ‘stop motion’ final.

O profesor Lago vai dando instrucións e trucos para facer as fotos da mellor maneira para que logo encaixen e teña sentido o movemento unha vez que se compoña a historia final.

Nestes vídeos o profesor Carlos Lago explica como facer 'stop motion':

Exemplos de traballos do alumnado: