Foi un dos dez centros educativos de España seleccionados para participar no proxecto artístico da maleta viaxeira (“Big Valise”) do Laboratorio de innovación docente do Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid, denominado “Musaraña”. Efectivamente, a maleta viaxeira chegaba a principios de novembro ao IES María Soliño, de Cangas, instituto no que se imparte o Bacharelato de Artes, con moito éxito de alumnado de toda a comarca. De feito, máis de 70 alumnos e alumnas participaron neste proxecto para o laboratorio de innovación do Thyssen.

Foi a profesora Luz Beloso a encargada de enviar a solicitude ao laboratorio do Thyssen para participar neste proxecto, destacado e prestixioso no mundo da docencia e das artes. “Sempre quixen participar pero había que ir a Madrid e iso supoñía certa dificultade. Polo tema do confinamento nesta edición podía facerse na distancia. Mandei solicitude explicando como traballamos no centro e contando un pouco o proxecto e colléronnos! Moita ilusión!”, expresa a profesora de Arte e ilustradora, que traballou man a man nesta iniciativa con Roberto Brañas, profesor neste instituto e escultor. A idea da maleta viaxeira, como unha especie de museo portátil, procede do artista francés Marcel Duchamp, que entre 1836 e 1941 ideou un prototipo de museo viaxeiro.

A maleta enviada polo laboratorio do Thyssen aos centros seleccionados por destacar en ensinanzas artísticas ten dez compartimentos no seu interior: cada mes a maleta está nun dos centros elexidos e durante ese mes o colexio ou instituto desenvolve o seu proxecto artístico, que ocupará un dos dez compartimentos da maleta. Ese mes xa pasou no IES María Soliño e materializaron a súa aportación ao museo Thyssen cunha obra na que resumen ou simbolizan todo o traballo realizado neste proxecto: “Gromos nas fendas” (que conta cun espazo web propio).

Maleta viaxeira enviada polo laboratorio do Thyssen. Obras realizadas por coles de toda España. Un dos espazos é para o IES María Soliño.

A achega do IES María Soliño son uns restos dun barco, reais, que o alumnado conseguiu, e entre as táboas xorde un gromo (’brote’) que é como unha especie de flor metálica. Tratábase de facer un autorretrato, de explicar a identidade do centro e do alumnado, para que quede reflictida neste conxunto de dez propostas artísticas de centros de toda España. O proxecto do IES María Soliño expresa que, pese a todas as dificultades que estamos a vivir en moitos aspectos, sempre hai unha fenda, un espazo no que nacen novas ideas, que buscan espazos para saír (de aí o gromo no medio da madeira).

"Pese a todas as dificultades que estamos a vivir en moitos aspectos, sempre hai unha fenda, un espazo no que nacen novas ideas"

Na obra represéntase a natureza mariñeira da zona (O Morrazo, con alumnado de Bueu, Cangas e Moaña, principalmente) e o espírito artístico do centro, coa forza da arte xurdindo nos recunchos menos pensados. De feito, na obra incorporada polo IES María Soliño á maleta, que xa partiu cara outro centro (o destino final será o laboratorio de innovación do Thyssen), hai un código QR. “Se enfocas o código co móbil ou con outro dispositivo pódese ver todo o traballo do alumnado neste proxecto, porque cada un deles fixo unha obra expresando a súa identidade, por que lle gusta a arte, e que quere ser; unha especie de autorretrato, por iso nas obras non hai caras, son moi persoais, e todas elas están na exposición do instituto”, apunta Luz Beloso.

Resumo da obra do IES María Soliño. (Restos dunha embarcación e unha flor que agroma entre eles)