“No edificio do avó hai cinco pisos e eu observo os seus tendais e, nos días de sol, con sorte, tamén vexo o gato da veciña do primeiro. Nunca vin a veciña do primeiro. De feito, nunca vin ningún veciño, pero gústame imaxinar como son pola roupa que pendura dos seus tendais...”. É un parágrafo do novo texto de Érica Esmorís (A Coruña, 1977). Un libro, “Patio de Luces”, co que acaba de gañar o Premio de Literatura Infantil Cidade de Málaga. Unha historia chea de imaxinación e que inxecta imaxinación tamén nos lectores. Que invita a soñar.

Un patio de luces como vía de escape, un lugar para deixar voar a imaxinación…

O piso do avó non é atractivo para unha nena, así que Lea ten que facer uso da súa imaxinación. É case como unha sorte de meditación. Lea senta no arcón das ferramentas e mira para arriba e pensa e soña.

De que idea nace esta obra? Cal é o teu obxectivo en canto á repercusión nos pequenos e pequenas?

No edificio no que vivía cando era pequena había un porteiro, José. Tamén moitos tendais. Comecei a escribir este libro nas primeiras semanas do confinamento e o meu obxectivo era pasalo ben: os equívocos permiten un xogo divertido e do que tamén se pode reflexionar. Ademais, como autora, desexaba volver á voz dunha nena curiosa e irreverente, ao estilo de Amabel (O poder de Amabel, Sushi Books). Así que o texto nace da miña experiencia vital, do momento actual e das ganas de pasalo ben fronte ao teclado.

O deporte, a música, estar ao aire libre... todo isto está moi presente tamén.

Todos os veciños e veciñas teñen as súas paixóns. Como na vida real. E Lea vai ascendendo e coñecéndoas.

E os roles de xénero… axudará este libro a pensar en que queren ser de maior?

Si, en Patio de luces nada é o que parece ou, máis ben, ninguén é quen parece. Lea é unha nena moi imaxinativa, pero non acerta unha.

Ao traballar a estrutura tiña moi presente a intención de xogar co erro, non só nas profesións, senón tamén no sexo e idade da veciñanza.

 “-Eu tamén son curiosa e teimuda -confesou a francesa. Temos que selo! Non sabía a que se refería, pero, como me estaba dando a razón, asentín coa cabeza.

-Chámome Chloé e son arqueóloga. Quedei como estaba. Arqueóloga: pero que profesión é esa? Podía dicir chámome Chloé e son dentista ou chámome Chloé e son panadeira…”.

Si, neste anaquiño de texto condénsase moi ben o que penso: temos que ser curiosas e teimudas. Creo que é unha idea que se pode atopar en todos os meus libros.

Que che gustaría que aprenderan?

Confórmome con que o pasen igual de ben lendo o libro que eu escribíndoo.

Portada do libro. (Edicións Xerais)

LEA PASA AS TARDES CO AVÓ

Lea pasa as tardes dos venres co seu avó, que é porteiro dun edificio. Unha profesión en perigo de extinción! O baixo do avó parécelle moi aburrido, agás polo patio de luces, ao que lle está terminantemente prohibido saír. En canto o avó volve ao traballo, Lea desobedece e sae ao patio para observar a roupa dos tendais e imaxinar como será a vida deses veciños aos que nunca viu. Serán tal e como Lea os imaxina?