“Nunca vira esta parte da illa, nin a torreta nin o enreixado, nin os gardas cos fusís que vixiaban, nin os centos de homes que agardaban detrás deles, coa fame e o medo nos ollos. Desde a nosa casa só se vían unhas poucas árbores e a ponte. Máis nada. As cousas non sempre son como parecen...”. A illa de San Simón foi, durante a Guerra Civil, cadea e campo de concentración de máis de seis mil homes inocentes. Moitas foron as mulleres que axudaron, desinteresadamente, a facerlles máis soportable a condena levando comida e roupa limpa á illa. Este libro recupera unha parte da historia, a da Illa de San Simón, cando foi lugar de presos. Un capítulo da historia visto dende os ollos dos nenos e das mulleres, aquelas mulleres que lavaban a roupa daqueles homes e lles levaban comida. “Interesábame esa ollada porque non é tan común cando se recuperan este tipo de historias”, apunta Eva Mejuto, que explica que o libro ten detrás un intenso traballo de investigación, documentación e testemuñas orais. De feito, moitas das fotos antigas recopiladas para a escritura do libro aparecen na propia obra, así como unha explicación da historia. “Ademais, parte dunha historia real, do pai da miña cuñada, que nos contaba cousas sobre a illa”, expresa a autora.

Coas ilustracións de Bea Gregores a historia gana en beleza. “Quedou moi redondo, diría eu. E o libro ten varios niveis de lectura, para os máis pequenos que poden entender parte da historia e quedar máis coa anécdota e tamén para outras idades que posiblemente se centren en detalles da historia da época”, conta Mejuto.

“A lavandeira de San Simón” inaugura a colección Pequena Memoria (Xerais) para recuperar as voces silenciadas da historia, segundo apunta Mejuto. A_obra facilita unha web (sansimon.evamejuto.com) para ter máis información sobre este capítulo da historia e tamén acceso á investigación.

'A Lavandeira de San Simón'