Empezou como unha lámina a modo de actividade para o proxecto Faro da Escola, proposta pola Unidade de Cultura Científica da Delegación do CSIC en Galicia e, finalmente, toma a forma dun sofisticado e completo xogo que está destinado aos centros participantes no proxecto de periodismo escolar do Faro de Vigo.

Porque a ciencia e a investigación están presentes en calquera recuncho que nos rodea e moitas veces non nos damos conta nunha primera ollada. Na lámina inicial están representados o sector mariño, agrícola, forestal, a historia e o patrimonio. E o alumnado tiña que atopar elementos a través de pistas. “No IIAG (Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia) botan en falta unha mostra de solo, dous fardos de palla dos que se utilizan para frear a erosión do solo despois dos incendios e un frasco de agar para realizar cultivos in vitro”, por exemplo. O alumnado tiña que atopalos. Ou, no IIM (Instituto de Investigacións Mariñas), por exemplo, perderan unha lupa binocular, unha bandexa de peixe, que é parte dun proxecto de investigación  sobre alimentos e un par de botas de auga do edificio de acuarios.

Entre os obxectos perdidos da marabillosa ilustración de Fernando Ruibal atopábase tamén unha cunca do CSIC (Consejo Superior de Investigaciones Científicas) ou a árbore da ciencia. Na lámina están representados os campos nos que traballa o CSIC en Galicia: “Había dende grelos, millo, bateas... áreas nas que o CSIC realiza investigación de alto nivel”, expresa Luisa Martínez, encargada da unidade de divulgación do CSIC en Galicia. Esa é a base dun proxecto agora maior.

Partindo dunha especie de ‘Buscando a Wally’, o equipo traballa agora no deseño do xogo científico para os centros da provincia de Pontevedra que cada ano elaboran o seu propio periódico a través do proxecto Faro da Escola. Precisamente o CSIC é un dos organismos que colaboran neste proxecto e cada ano organizan actividades nos centros educativos, como charlas de investigadores que acuden aos colexios a falar do seu traballo de investigación.

O xogo incorpora instrucións deste tipo: da Misión Biolóxica de Galicia (MBG) non atopan unha bolsa de sementes, unha caixa de abellóns que utilizan para controlar a polinización dos cultivos e o tractor co que aran as fincas nas que levan a cabo parte do seu traballo experimental. E o persoal do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) necesita axuda para encontrar un escáner 3D co que toman datos de construcións e materiais arqueolóxicos e patrimoniais, unha gravadora para facer entrevistas nos proxectos de patrimonio inmaterial e un torques de ouro da cultura castrexa que cataloga e estudia o grupo de arqueoloxía, son algunhas das instrucións para o xogo do CSIC para Faro da Escola. “Se es desas persoas que desfrutan buscando cousas, este é o teu xogo!”, indica o CSIC, un recurso elaborado pola Unidade de Cultura Científica coa colaboración de todos os centros de investigación e unidades tecnolóxicas do CSIC_en Galicia no marco da Semana da Ciencia, e financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología-Ministerio de Ciencia e Innovación (FECYT).