Destacar o papel das avoas para os máis pequenos. Por que xorde esta idea neste momento?

-A idea xorde da propia experiencia. Teño un fillo de nove anos e, practicamente desde que naceu, a axuda dos meus pais foi moi importante para que a crianza fose “viable”. Por outra banda, parecíame que era unha experiencia que ía alén do persoal. Algo co que moitos adultos e moitos nenos e nenas podían identificarse hoxe en día. Naturalmente, que isto poida ser unha experiencia colectiva tan xeralizada di moito da nosa sociedade a moitos niveis. Se por unha banda é fantástico que, entre netos e avós, se estableza o nivel de complicidade que trato de reflectir no libro, por outra, o tema do libro tamén nos fala da existencia de carencias importantes á hora de conciliar a vida laboral e familiar, así como doutros problemas sociais máis fondos e moitas veces máis dramáticos.

-Cre que os pequenos e pequenas son conscientes do papel das avoas nas súas vidas?

-Supoño que non porque tampouco teñen con que compararse. En cambio, si penso que cando moitos destes nenos e nenas crezan e reflexionen sobre a sua infancia daranse de conta de como esta estivo moi condicionada, para ben ou para mal, por unha realidade na que os avós suplían, en boa medida, aquilo que ou o mercado de traballo ou o Estado de benestar deste país non estaba en condicións de proporcionar aos seus pais. Do mesmo xeito que na Galicia do pasado houbo moitos nenos que quedaron na aldea cos avós mentres os pais emigraban, na do futuro haberá moitos nenos e nenas que lembrarán como os avós pasaban máis tempo con eles que os propios pais ou como os avós foron unha peza fundamental para que as súas pequenas vidas fosen cara a adiante.

-Os superpoderes dos que fala no libro é un xeito de empoderar a figuras habituais da vida diaria para o público infantil e xuvenil?

-Dado que o que subxace a esta realidade dos superavós e as superavoas son unha serie de carencias estruturais que temos como sociedade, trato de compensar a cousa botando man do humor e da hipérbole. Isto permite abordar o asunto dun xeito que resulte atractivo e divertido para as crianzas e, ao tempo, permite facer, ou iso me gusta pensar a min, un guiño aos adultos. Ao tempo, o libro é unha homenaxe a todos eses esforzados avós e avoas que están ao pé do canón axudando e tapando buratos aquí e acolá como se fosen Shivas de seis brazos.

-Considera que a sociedade en xeral é xusta co papel das avoas?

-Estou seguro de que as familias son moi conscientes do traballo non pagado e dos esforzos a todos os niveis que, en moitos casos, están a desempeñar os avós e especialmente as avoas, porque ben sabemos que no espazo familiar seguen a ser as mulleres quen levan o maior peso. Outra cousa é que isto teña un recoñecemento público. Entendo que recoñecer publicamente ese traballo sería unha forma de recoñecer, tamén, unha eiva ou un fracaso do mercado laboral e do Estado de benestar, e isto é algo que moita xente non está polo labor de facer, cando menos non ata as últimas consecuencias.

-Cónteme algunha anécdota que lle pasara na escrita deste libro ou por parte dos lectores

-Anécdotas cos lectores e lectoras aínda non teño porque o libro acaba de chegar ás librarías pero agardo que en breve poida ter as primeiras impresións que causen a Superavoa Rita e a súa neta Antía entre os lectores e lectoras galegos. O que si podo sinalar é que, ademais de pasalo moi ben escribíndoo, gocei tamén realizando as ilustracións. Uns debuxos de trazo rápido, expresivos e coloristas que espero que lles resulten moi divertidos tanto ás crianzas coma aos avós!

-Cales son os temas que máis lle interesan para crear?

-Esta é a miña primeira incursión na literatura infantil, aínda que, neste campo, si tiven outras experiencias como ilustrador. Na escrita para adultos teño publicados libros de poesía, teatro radiofónico e ensaio. En xeral, interésame todo aquilo que combata a deshumanización das nosas vidas e que poña a igualdade e os dereitos dos máis no centro.