Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Banda deseñada

Un verán en viñetas

Axenda de festivais BD e fanzines

Presentación do festival Fun, Fun, Fun (Santiago de Compostela).

Presentación do festival Fun, Fun, Fun (Santiago de Compostela). / Faro

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Xa comezou a época estival. Con ela, chega tamén o circuíto de feirados de BD e autoedicións en toda Galicia. E o primeiro en arrincar foi o «Fun Fun Fun» , celebrado o sábado 6 de xuño en Santiago de Compostela; o festival de fanzines picheleiro desenvolveu a súa oitava edición na Casa das Máquinas.

Xa entrados no verán, e pedindo permiso ao clima (e a aqueles que negan o cambio climático), púidose desfrutar en Pontevedra dunha nova xeira de «BDra Gráfica» ; o festival creado por Kiko da Silva e mais a súa escola O Garaxe Hermético celebrou entre o 25 ao 28 de xuño a cuarta edición cun programa de luxo. Alén da homenaxe a Marjane Satrapi (1969-2026), organizáronse cinco grandes exposicións dedicadas á traxectoria do galego Julio das Pastoras; ao histórico debuxante Kim, creador de «Martínez el Facha» e habitual na revista El Jueves; á obra «Vida toda» , de Ángel de la Calle, Jordi Pérez e Ana Ruiz, que amosa a ditadura arxentina; á obra do autor catalán Josep Homs; e á «Balada de Hugo Pratt» , centrada no universo de Corto Maltés. Tamén contaron coa presenza de Emma Ríos, José Luis Munuera, Verónica Álvarez, Jordi Sempere ou Mario Trigo. Recentemente finalizou o festival de cultura pop xaponesa «Kokoro» , que se celebrou o 4 e 5 de xullo para deleite das persoas viguesas apaixonadas das exportación pop niponas e que entre a súa programación incluiu espazos destinados ao manga (BD de estilo xaponesa) e ao anime (películas e series de animación).

XXI Salón do Cómic de Cangas

Agora, á vista máis inmediata atopámonos co XXI Salón do Cómic e Ilustración de Cangas , con datas anunciadas dende o 11 ata o 18 de xullo. Nesta nova edición, que se desenvolverá principalmente no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela e na Casa da Bola, o evento volverá combinar exposicións, obradoiros, charlas-coloquio, feira do cómic, librarías especializadas, proxeccións de cinema e sinaturas de exemplares e contará como artistas convidadas como Xulia Vicente, Clara e Olivia Cábez e Paco Alcázar.

Viñetas desde o Atlántico en agosto

Un mes máis tarde, en agosto, o escenario desprázase á provincia de A Coruña, onde acontecerá a 29ª edición de «Viñetas desde o Atlántico» , festival coordinado por Manel Cráneo desde 2024. O evento desde ano ofrecerá encontros con autoras e autores, firmas, talleres, espectáculos, cine, teatro, concertos ilustrados e propostas para o público infantil. Tamén incluirá unha sección chamada «Viñetas Pro» , máis centrada en actividades para profesionais, que inclúen revisión de portafolios. Contará cunha programación que reúne máis de 70 autoras e autores, un centenar de actividades e 24 exposicións, entre as que destacan «Cómic palestino. Voces propias. Grito colectivo» , unha mostra do traballo de diferentes autoras e autores palestinos; «A guerra Civil» de Paul Preston, adaptación de José Pablo García do traballo do historiador británico; «Viñetas con memoria social» , unha selección de obras do século XX con transfondo social; ou «Eclipse de viñetas» , onde Xulia Pisón, Diego Burdío, Paula Esteban, Uxía Larrosa, Xulia Vicente, Jorge Peral, Marcos Calo, Luis Yang, Paula Mayor e Jordi Bayarri reinterpretan a historia científica e artística das eclipses. Alén das exposicións, entre xullo e setembro, volverá tamén a semana grande de feira entre o 10 e o 16 de agosto, cando a Rúa BD reunirá nuevamente a editoriais, librerías e autoras e autores independentes. Como novidade, participarán artesáns galegos con pezas inspiradas no cómic.

Tamén esa mesma semana na cidade herculina, o venres 14 e o sábado 15, ten lugar o «Autobán» , festa de autoedición da cidade que este ano, ademais do mercado de fanzines e autopublicacións, amplía o seu programa con dúas novas actividades: «Autobombo» , onde as autoras e autores poderán presentar (rapidamente) os seus proxectos e «Combate de debuxantes» , que, como soa, é un torneo de debuxo en directo no que a persoa gañadora recibirá un premio en materiais de debuxo.

Premio Nacional para Astiberri

O pasado 11 de xuño, a editorial vasca Astiberri foi galardoada co Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial Cultural. Esta é a guinda para unha editorial que neste 2026 celebra o seu vinte e cinco aniversario e que confirma a boa saúde do cómic aínda que de cando en vez teña os seus achaques.

Astiberri naceu en Bilbao en 2001, da man de Fernando Tarancón, libreiro en Joker, que entendeu que o cómic non tiña que ser necesariamente nicho nin circunscribirse ás edicións estilo grampa máis próximas ás revistas da época ou aos volumes seriados norteamericanos. Coa mirada posta en referentes europeos como a francesa L'Association, emprendeu a viaxe dos cómics autoconclusivos con edicións coidadas. Aposta por traducións de hoxe clásicos como Píldoras azules, de Frederik Peeters ou Pyongyang, de Guy Delisle (cos seus homólogos en galego dentro da colección de Rinoceronte Editora), xunto a proxectos propios como La tetería del oso malayo, de David Rubín (en galego en Demo Editorial), María y yo, de Miguel Gallardo ou o futuro Premio Nacional Arrugas, de Paco Roca (ambas en galego en El Patito Editorial).

Astiberri segue mostrando unha liña editorial coidada e ambiciosa na que agora tamén se pode atopar outra nova obra de David Rubín xunto a Matt Kindt, Space Scouts, unha recompilación de toda a serie de ciencia ficción publicada nos Estados Unidos por Dark Horse.

Tracking Pixel Contents