Teatro
Óleos 1945-1977
Luís Seoane reencontrado

«Muller levando unha gran cesta» (1958). / Faro
A Fundación Luís Seoane -institución que cumpre 30 anos- ofrece unha exposición de 55 óleos de Seoane que non se mostraban ao público desde hai máis de dez anos, con 38 pezas que nunca foron expostas nas súas salas. A mostra permite un suxestivo e representativo achegamento á evolución da súa pintura desde mediados da década dos corenta até o final da súa traxectoria, unha ampla cronoloxía que nos permite enxergar a evolución do seu estilo até configurar a súa particular linguaxe planimétrica e colorista, unha linguaxe que o crítico e amigo do artista Julio J. Payró balizaba de xeito brillante e preciso cando afirmaba en 1955: «Lo veo a Ud. muy siglo XX y lo veo también prodigiosamente románico», ligando, nunha atinada síntese, a modernidade e a tradición, tan presnetes na obra do noso pintor.
Nos óleos que agora podemos ver na Fundación Luís Seoane, todos coa figura humana como protagonista, asistimos á evolución do seu estilo cara a sintetismo cada vez máis evidente. As pinturas de finais dos anos corenta e inicios dos cincuenta presentan figuras de rexa estrutura e forte estatismo e monumentalidade. Progresivamente –ao longo dos anos cincuenta e primeiros sesenta- vai gañando terreo o esquematismo e o contido dinamismo, alternando estes trazos nas figuras sobre a cor. Seoane reproduce representacións humanas, tema esencial da súa obra, hieráticas e que se reducen a esquemas figurativos, de contido simbólico, con formas organizadas en planos con cores contrapostas, de enorme poder de suxestión. Nesta liña de lectura do seu traballo están as propias palabras do pintor cando afirmaba que o tema máis importante da súa obra era precisamente o estatismo da figura humana, converéndoa en atemporal.

Sen título (1959). |
Neste sentido a obra muralística, a de gravador e deseñador influíu na súa pintura de cabalete. O propio artista citaba a El Lissitzky, o grande construtivista ruso, referíndose á estruturación de espazos. Sinalaba que o autor soviético entendía a cor como unha pel sobre un esqueleto, porén Seoane subliñaba o seu esforzo en sinalar o esqueleto sobre esa pel e, ao mesmo tempo, a relevancia da cor. Estes aspectos que o artista sinala pódense seguir na totalidade de obras expostas que permiten percibir que o seu estilo atinxe a súa plenitude a partir dos últimos anos da década dos cincuenta. O resultado obtido por Seoane a partir de comezos desa década é unha singular síntese dalgúns dos logros da vangarda histórica (Picasso, Matisse, Léger, o Le Corbusier pintor...) que se poñen en relación coa tradición galega (arte popular, arte medieval).
O estilo creado e desenvolvido por Seoane durante máis de tres décadas é froito dun traballo intenso, rigoroso e dunha elaborada reflexión, que parte da tradición da modernidade internacional para, a partir desta, construír os alicerces dunha pintura profundamente galega, unha arte que se sitúa fortemente inserida nos valores da tradición occidental, á que se achega con intenso rigor.
Dimensión pública da arte
Con todo, cómpre lembrarmos que o conxunto da obra de Seoane está marcada pola dimensión pública e social da arte, que se evidencia na obra mural, no deseño gráfico ou no gravado e acaba por impregnar toda a súa produción pictórica. No conxunto do seu traballo, Seoane crea un universo propio, que, sendo intensamente persoal, pretende establecer unha comunicación directa entre o artista e o pobo –non esquezamos a súa concepción política nacionalista e marxista- e consegue que nos identifiquemos con el, mellor dito, que a súa pintura nos identifique como nación, como colectividade humana singular. Neste sentido o artista sempre defendeu «o cultivo das características constitutivas dun país ou nación» e a «vontade de recoller da historia do noso povo aquelas formas que foron caracterizándoo ao través da historia».
A súa obra total é, polo tanto, produto de frutíferas estratexias de representación que teñen como resultado unha síntese visual e intelectiva, da cal vai agromar parte do máis valioso da pintura galega do século XX, froito dun esforzo dignificador e modernizador, que, como o conxunto da súa multifacética obra, nacional e universal, humanística e solidaria, ten como norte Galicia, referente e compromiso permanente ao longo de toda a súa traxectoria vital.
Título: Seoane reencontrado. Óleos 1945-1977 [dos fondos da colección]. Local: Fundación Luís Seoane, A Coruña. Até o 14 de maio de 2027
- Bañeras de mármol y piezas de la balaustrada de hace un siglo entre los restos del derribo del antiguo balneario do Outeiro: la Xunta pide a la Policía Autonómica que acuda al inmueble
- Tres apagones tras una avería eléctrica dejan sin luz a miles de vecinos y negocios en el centro de Vigo
- Fallece con cinco días de diferencia el matrimonio centenario de Nigrán tras 78 años de casados
- Los camiones del Combo Dominicano se atascaron en Trives pero la orquesta tiró de entrega y talento para mantener la gira: «Nos hicisteis disfrutar igual que siempre»
- El eclipse desde los cielos gallegos: un avión privado desde Suiza a Peinador, dos A400M militares franceses y decenas de avionetas en el interior
- La Policía Local de Vigo rescata a una joven arrastrada por la corriente unos 50 metros en la desembocadura del Lagares
- Murió tras un error de diagnóstico en las Urgencias del hospital de Ourense después de un accidente en una ambulancia
- «Ha sido una de las mejores experiencias de mi vida»: Óscar Pereiro conquista el Camino con su hija Catalina