Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Teatro

Na Idade Media máis colorida

O espectáculo escénico como unidade didáctica

Ana Carrerira nun momento do espectáculo.

Ana Carrerira nun momento do espectáculo. / Faro

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

En 1965, na cidade de Tucumán, República Arxentina, tiña lugar, no marco do Festival de Coros Universitarios, a presentación da Cantata Modatón, espectáculo mixto de música, canto e teatro, con partitura e dirección de Gerardo Masana, antes da irrupción de Johann Sebastian Mastropiero. Tratábase dunha parodia da Paixón Segundo San Mateo de Johann Sebastian Bach, a cargo dun grupo de integrantes do Coro de Enxeñería da Universidade de Bos Aires, que logo tomarán o nome de I Musicisti. Entre os aspectos máis interesantes daquela proposta, logo gravada como Cantata Laxatón, destaca o uso dos chamados instrumentos informais, ideados na súa maioría polo «Fraco» Masana, pero tamén o feito de que o libreto se conformase, de forma literal, con varios fragmentos tirados do prospecto farmacéutico dun laxante de nome Modatón. o espectáculo, pioneiro en tantas cousas, demostraba de forma empírica que para facer teatro calquera cousa pode servir. Non é necesario partir dun texto dramático, nin sequera literario, calquera cousa serve pois o elemento textual non deixa de ser pretexto e pre-texto. «Mesmo a guía telefónica», afirmábase con rotundidade a finais dos anos setenta.

Se na dita cantata hai unha manifesta vontade de xerar un contraste entre música e libreto, unha verdadeira deconstrución paródica do xénero, na senda do que naquela altura xa se viña denominando xiro posmoderno, no texto que agora presentamos, hai, pola contra, unha decidida vocación didáctica e construtiva, que o sitúa, salvando as distancias, na liña do que Bertolt Brecht denominou «lehrstücke», ou peza didáctica, que busca a implicación do espectador na consideración e resolución, no seu caso, de problemas ou dilemas de carácter diverso. Así acontece nunha das pezas máis coñecidas que seguen o modelo, A excepción e a regra (1930), que Brecht quería ver escenificada en centros educativos e fábricas como medida de instrución dialéctica das maiorías.

En efecto, Do reino (e) dos amores proscritos, non deixa de ser unha unidade didáctica de carácter histórico, e así se traslada no subtítulo: «unha viaxe á Idade Media máis colorida». Trátase dun documento elaborado por Afonso Becerra de Becerreá e publicado recentemente por Laiovento, que serviu como pretexto para un espectáculo homónimo estreado en 2025 por ALÓproducións. Polo medio da fabulación ideada por Becerra atopamos achegas de Rochi Nóvoa Vázquez, Eduardo Pondal, Darío Xohán Cabana, Carlos Callón, Guillermina Domínguez Touriño e Felicia Estévez Salazar, un poema de Godescalco de Orbais e cantigas de Xoán de Cangas, Martín Codax, Meendinho e Nuno Porco. Como eixes temáticos centrais o rol da muller na historia, como foi o caso de Sancha I de Galicia, Dona Urraca ou María Balteira, e algún caso relevante e pioneiro de relacións afectivas de persoas do mesmo sexo, como aconteceu con Urso e Rufino, Pedro e Munio ou María Leve e Sancha Pérez. Trátase dun mosaico en dez pasaxes ou escenas, sendo algunhas presentadas ao modo dun interludio musical, con cantigas de recendo medieval a partir das letras dos ditos poetas e trobadores.

A unidade didáctica vai acompañada doutros textos que a defenden e xustifican. En primeiro lugar, unha introdución na que o propio autor explica a súa ideación e finalidade, que complementa despois cun resumo da estrutura da mesma e dos contidos de cada un dos dez pasaxes, e mesmo cun apartado de documentación bibliográfica. Seguen, como epílogos, textos breves de Nieves Neira, Rochi Nóvoa e Amantia Coello Rodríguez que refiren a súa visión e valoración positiva do espectáculo. Finalmente a unidade didáctica vén significar que hai outras Galicias, con relatos e narrativas aínda por construír e divulgar. Esta que nos chega é unha delas, e ben transcendente. Pero, insistimos, hai outras moitas igualmente relevantes como as das tantas xentes do común.

Tracking Pixel Contents