Emocional e espido
XMaseda65: «6 a.m.ORES»

XMaseda65 / Carmela Sánchez
Soubemos de Maseda (XMaseda65) hai un tempo, cando alguén nos veu recomendar a escoita dun rapaz de Viveiro que «se amosa capaz de tocar a fibra sensible rapeando cancions tremendamente íntimas, emocionais e espidas». Temas como «Pontes»: falando alí da realidade existencial de alguén que experimenta ese paso do tempo sen paraxes mentres a marabillosa etapa da súa infancia, e adolescencia, no seo familiar vai rematando. Tamén coa fantástica «Paparrexo», en memoria do seu avó falecido, na volta dun cancro que non quixo perdoar, e deixando a dor da súa ausencia e todos os sentimentos, tristezas e baleiros campando ás súas anchas nunha realidade para a que nunca ninguén estamos preparados.
Con Maseda estamos a falar dunha maneira de entender o rap como ferramenta de expresión no xeito máis humano, honesto e valente e que, automaticamente, fai que creas e empatices de maneira extraordinaria con quen che está a contar todo iso nunha canción, salvando, incluso, o evidente e difícil salto xeracional entre quen canta e quen, neste caso, está a escoitalo. Agora Xosé vén de publicar un novo traballo co título de 6 a.m.ORES e abrindo, segundo afirma el mesmo, unha nova etapa coa que quere evoluír na súa traxectoria e na súa maneira de entender a música, afastándose premeditadamente deses territorios máis apegados ao hip hop, nos que ata o de agora se movía, para meterse de cheo en sonoridades moito máis próximas ao reguetón e, ademais, con todo ese pulso urbano que o rodea, mais sen perder de vista ese xeito tan de seu de contarnos as cousas de forma tan emocional e persoal.
Colócanos Maseda, no título do disco, en hora e nocturnidade na xénese dunhas cancións nas que o amor se declara como principio básico de todo o que imos escoitar, e el mesmo conta que son cancións que falan de historias de amor que foron escritas e creadas de madrugada, nesas horas nas que todos somos máis vulnerables e cando veñen á cabeza, e pasean canda nós, toda as pantasmas que nos queren quitar o sono. Así é, outra vez, como se mostra Maseda, movénsose nese escenario no que non asusta nada mostrar esa fraxilidade inherente ao propio ser humano, no que todo o íntimo vale para compartir emocións e no que a vulnerabilidade, a beleza do romántico e mais a visceralidade máis honesta poden ser ferramentas para crearen eses fíos que nos conectan a todos como humanos.
Coas colaboracións de xente amiga como Kid Mount ou Joel e Dani, integrantes do dúo LANASA, e con productores como Yuly, Rodro e Sky J, e coa mestura e masterización de Peter Petrowski, no traballo atopamos uns temas tan recomendables como «Candy», «Pa sempre» ou a fantástica «Volverte a ver» coas que abofé XMaseda65 continúa a colocarse como un dos nomes propios desa nova escena galega de música urbana que son quen de redimensionar dende o noso país a etiqueta «reguetón» a vez de conectar con toda unha xeración e ademais facelo en galego e con todo ese pouso identitario que os fai tan socialmente necesarios.
Michael: deixémolo así
Igual xa estamos algo cansos de tanta película biográfica sobre rutilantes estrelas da música pero o certo é que a última en chegar aos cines deixa máis o pouso dun videoclip longo que o dun drama vital tan famoso como descoñecido en detalle e agardado a ser visto nas grandes pantallas. A vida de Michael Jackson vaia se non dará xa non para unha película senón para varias e ben cargadas de contido e arestas, pero xusto nesta nada soubemos alén de que moitas das cancións que soan deveñen alfaias inesquecibles e universais coa dupla Jackson e Quincy Jones en auténtico estado de graza.
E claro que se fai divertido ver a Jaafar Jackson, fillo de Jermaine, cravar os bailes e movementos do seu tío e incluso interpretalo con solvencia e con gran resultado final, mais o feito de pasar de punteiras, ou directamente non pasar, por tantos aspectos vitais e ásperos do rei do pop faiselle a un tan estraño como certamente decepcionante. En calquera caso, damos por ben investido ese tempo de visionado da metraxe aínda que só sexa para reescoitar esa «Billie Jean», coa súa icónica liña de baixo, ou revisar «Thriller» a golpe de ouveo e inesquecible xenial videoclip.
Hai quen pensará que igual mellor que a cousa sexa así e que, precisamente, o que o mundo realmente máis necesita é moita luminosidade e poucas zonas escuras, moita historia de superación e moitos folgos pop contra o desalento. Ao fin, el foi unha estrela do pop que soubo conectar coa súa música e alegrar e cargar de enerxía e boa vibra a todo un mundo tan diverso e complicado. Alguén pensou: «Mellor deixémolo así».
- La madre de un vigués de 25 años que falleció por un tumor cerebral: «¿Qué habría pasado si lo hubiesen operado un año antes?»
- La reconocida orquesta gallega París de Noia pierde a una de sus principales voces en la temporada de mayor actividad
- El gobierno de Cangas no dudará en enviar a la Policía Local si los vendedores del mercadillo vuelven a retrasar su marcha
- Valença estudia trasladar la estación del AVE Vigo-Oporto a las afueras de la villa fronteriza
- Condenan a un vecino de Vigo a abandonar la vivienda por las continuas molestias al resto de la comunidad
- Inversores compran tres edificios en el centro de Vigo para dedicarlos a pisos turísticos
- El mercadillo de Cangas cerró hoy a su hora entre lamentos de los comerciantes
- Grave imprudencia en Gondomar: interceptan a un niño de 10 años conduciendo una moto con su padre