Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Libros destacados da semana

FdV

FdV / FdV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

VV. AA.

Debut premiado

Escoitar a mente colmea

Fabio Rivas

«Un xesto, repetido innumerables veces, onde si e onde non, onde houbo palabras e onde calei. O mesmo, infinitas ocasións, ou finitas, para min serán catro, catro repetidas de xeito sistemático. A negación negada por primeira vez e despois o silencio.»

A aparición de novos autores, entendendo novo ben por contaren poucos anos de idade, ben por estar a presentarnos a primeira achega da súa xeira literaria, é sempre un acontecemento que cómpre celebrar. Se ademais podemos vencellar estas dúas acepcións á mesma persoa, maior é a gratificación: velaí unha advertencia sobre o futuro da nosa literatura. Tal é o caso da novela que nos toca falar e da súa autora, Valeria G. Caneda. En efecto, Goma de borrar recibiu o segundo premio na categoría de narrativa curta nos premios Xuventude Crea da Xunta de Galicia e vén de ser publicada por Xerais na colección «Redes», creada a propósito non hai moito co fin de acoller as primeiras obras de autores e autoras de ata 33 anos.

O groso da novela constrúese arredor dun período fundamental no desenvolvemento da identidade de cada individuo: a adolescencia. A rapaza protagonista, a piques de cruzar o limiar dos dezaseis anos, está comezando a experimentar por vez primeira os eventos propios dunha persoa da súa idade. As súas amigas e mais ela —a mente colmea— pasan, en cousa de poucos meses, de rexeitar o consumo de alcohol a ser un habitual nos seus encontros. Algo semellante acontece coa súa relación cos homes. Axiña se ve vivindo un primeiro amor que a obsesiona —e que tamén a leva a se obsesionar co número catro—, cun rapaz maior ca ela, de cuxa toxicidade acaba advertindo a mente colmea.

A disposición do libro en capítulos moi curtos, fragmentados, mesmo desorganizados e irregulares é un acerto. Esta escolla de Caneda non ten nada que ver co fortuíto: o discurso preséntasenos tal e como sairía directamente da gorxa dunha persoa coas palabras atragoadas desde hai ben tempo e que por fin se atreve a trousalas de vez.Ben é certo que durante a lectura detectamos elementos que nos fan lembrar que a autora aínda está a erguer os alicerces do seu estilo. Penso, por exemplo, na vaguidade e superficialidade do argumento ou, nun plano lingüístico, o abuso constante das formas xerundiais. Nada, en resumo, que coa propia reiteración non se poida mellorar. En fin, unha boa nova a aparición de Goma de borrar e da súa autora.

Imagen

Goma de borrar (2026)

Autora: Valeria G. Caneda

Editorial: Xerais

Prezo: 15,15 euros

Memoria e teoloxía

Con prosa luminosa

Xosé Feixó

Gilead, novela de Marilynne Robinson (Sandpoint, Idaho, 1943), gañadora dos premios Pulitzer e National Book Critics Circle Award, publicada agora en galego por Rinoceronte, en tradución de Moisés Barcia, é unha longa carta do reverendo John Ames, xa ancián e enfermo, dirixida ao seu fillo pequeno como derradeiro agasallo ou legado. Nela reconstrúe ou repasa a súa vida, desenvolvida na pequena vila de Gilead, en Iowa, onde tratou de chegar ao sagrado através do cotián, narrada desde unha voz íntima, reflexiva e profunda, na que se xuntan a memoria e a teoloxía desde unha coidada observación da existencia.

A serenidade de Ames vese alterada de forma inesperada polo regreso de Jack Boughton, fillo do seu mellor amigo. Rememórase así unha figura que vén espertar antigas feridas e un vello conflito moral, polo que se ve obrigado a revisar o seu propio sentido, concepto e función do perdón. A tensión que xorde entre os dous vén ser o eixo do drama e da sanación, pois Jack representa o que Ames teme e, ao tempo, aquilo que cre que debe aprender a aceptar antes de morrer. É o espello no que contempla os seus límites éticos, o medo ao fracaso e a dificultade para aceptar as imperfeccións humanas, mesturando a bondade, o orgullo, a renuncia, o control, as tensións e contradicións internas. E todo isto cunha prosa solta, lixeira e luminosa, propia tamén da literatura contemplativa.

Imagen

Gilead (2026)

Autora: Marilynne Robinson (tradución: Moisés Barcia)

Editorial: Rinoceronte

Prezo: 22 euros

Historia de superación

Poñerse na pel do outro

María Navarro

O oitavo Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro recaeu en Nenapingüín. Daniel Landesa introduce o lectorado no mundo das doenzas, e faino convencido de que de todas as situacións se poden tirar aspectos positivos, de que as circunstancias adversas ofrecen posibilidades de mellora e de que debemos ser quen de reverter os atrancos, atopando o propio camiño e sen rendernos ante as expectativas alleas.Deste xeito, o relato de Nenapingüín é certamente unha historia de superación, desas que o comezo sobrecollen e logo, dada a naturalidade coa que a cativada afronta o que lle sucede, supón unha auténtica lección de vida na que reina o sentido común e o feito de que detrás de cada persoa haxa unha rede de afectos fai máis levadeira a carga.

É precisamente aquí onde a literatura amosa o seu verdadeiro poder, converténdose en refuxio e ferramenta indispensable para navegar os temporais da existencia. A través das historias dos personaxes, a rapazada aprende a poñerse na pel do outro, a desenvolver a empatía e a entender que a fraxilidade tamén forma parte de ser humanos.

A literatura funciona como un ensaio xeral para a vida; un espazo seguro onde descubrir que os momentos difíciles son inevitables, pero a resiliencia, o amor e a coraxe sempre axudan a saír adiante. Unha escola de fortaleza disfrazada de ficción.

Imagen

Nenapingüín (2026)

Autor: Daniel Landesa (Ilustracións: Miki Momochi)

Editorial: Galaxia

Prezo: 13,50 euros

Dar coas palabras

Catarse de emocións, anacos de vida

Laura Paz Fentanes

Demos nas verbas é unha catarse de emocións e anacos de vida que non poden deixar en absoluto indiferente a ninguén. Dende o propio título, no que non podemos ignorar o xogo polisémico que dá pé a unha dobre interpretación tal e como a propia autora ten explicado. Pois, por un lado, podemos entendelo como «diaños nas palabras», pero, polo outro, tamén podemos pensar en «dar nas palabras», en atopar as palabras axeitadas, algo que sucede, sen ningunha dúbida, poema tras poema.

Loló Mourelos presenta neste poemario arredor dun cento de poesías distribuídas en catro partes («Arredor de min», «Arredor deles», «Arredor da vida» e «Arredor do mundo»), agás o poema introdutorio «De non saber». Coas súas palabras, a autora dá, en verdade, voz a moitas outras persoas que se han sentir identificadas cos sentimentos que ela tan valorosamente poetiza.

En definitiva, Demos nas verbas está escrito dende a dor, pero ao mesmo tempo trátase dunha obra que, de seguro, será de grande axuda para alguén que estea pasando, que pasase ou incluso que poida chegar a pasar por momentos vitais tan complicados nos que as palabras non saen, pero tamén nos que a palabra escrita pode axudar a ver a luz. Unha luz que se filtra nos versos de Loló Mourelos: «Pode ser que aínda haxa vida, / pode ser que esteamos a tempo».

Imagen

Demos nas verbas (2026)

Autora: Loló Mourelos

Editorial: Toxosoutos

Prezo: 14 euros

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents